Herminio
Ramos na súas Crónicas históricas de la villa de Bayona fálanos dun asalto
á vila realizado pola gavela dun capitán chamado Guillade en 1820. A acción
seica comezou sobre as dez da noite do 1º de xuño. A gavela comandada por
Guillade e composta por dez homes, a maioría portugueses, asaltou a casa de
Xosé Portela en San Pedro da Ramallosa. Fenderon a porta principal a
machadazos, momento que aproveitou o dono da casa para fuxir; unha vez no
interior da morada pediron viño á esposa do fuxido e ameazaron á sogra,
feríndoa levemente no pescozo e golpeándoa en varias ocasións. Con
posterioridade, entraron noutras dúas casas das que marcharon, despois da media
noite, sen conseguir diñeiro pero si xoias e outros obxectos, ademais de comer
e beber en abundancia.
Ao
día seguinte, sobre as catro da tarde, presentáronse na parroquia de Baíña e
entraron na casa de Carlos Rodríguez: comeron ovos con touciño, maltrataron a muller e levaron como guía a Francisco
Domínguez alcumado “O Chímpoas”. De alí dirixíronse cara a Baiona, dando a
volta polo monte de Baredo e entrando polo campo de Santa Liberata onde un dos
bandoleiros, despois de ollar un papel que tirou do peto, preguntoulle ao
Chímpoas cal era a casa dos Pugas e cantas portas tiña.
Sobre
as nove da noite do dous de xuño a gavela baixou pola rúa do Hospital dando
berros e disparando os trabucos para obrigar os veciños a meterse nas casas e pechar portas e
ventás. Os bandoleiros berraban os seus “nomes de guerra”: Guillade, Veleno,
Trigo, Centeo, que consideraban suficiente para asustar a veciñanza. O Chímpoas
levounos ata a casa de Francisco Puga, quen se atopaba no interior coa súa dona
Rosa Correa e un seu amigo, Pedro Ibarra. Despois de romper varias portas
entraron na sala sete bandoleiros esixíndolle unha gran cantidade de diñeiro.
Como non llelo entregou déronlle golpes e unha coitelada no pescozo, mentres
que o seu amigo colgárono dunha trabe,
cabeza abaixo, despois de deixalo sen botas. Logo de rexistrar a casa e
quedarse con algúns obxectos de valor, o Guillade díxolle ao Chímpoas que lles
indicase a morada de María Benita David.
Unha
vez nesta, uns bandoleiros situáronse na entrada posterior que daba ao mar e os
outros na principal mentres seguían a dar berros e a disparar os trabucos.
Abateron a porta de entrada, co sistema do machado, e penetraron no interior.
Foi nese intre cando chegaban a porto as gamelas e fixeron soar as súas bucinas
en sinal de arribada. Os homes de Guillade, coidando que se trataba de xente
armada que viña contra eles, comezaron a trabucazos e fixéronos recuar cara ao
mar.
O
Chímpoas dirixiunos despois á casa de Vicente Soto, quen, ante o barullo de
berros e disparos, asomouse á fiestra xusto no momento en que unha bala batía
nela. Preguntoulles que querían e dixéronlle que abrise a porta, se non que o
farían eles. Logo de franquearlles a entrada, os bandoleiros preguntáronlle
onde estaba “A arca do mudo” que era o depósito dos mariñeiros. Cando llelo
dixo rompérona e colleron o diñeiro.
Logo
roubaron a casa de José Ramos e despois a de Josefa Pérez, muller de Domingo
Amorín. Ese foi o momento no que o Chímpoas, aproveitando que xa non lle facían
moito caso e aducindo necesidades inescusables, aproveitou para fuxir e
regresar a Baíña.
Dende
a casa do patrón de pesca Roque Mariño botáronlles uns tiros aos bandoleiros.
Estes, rabiosos, tiraron abaixo tres portas e percorreron todos os cuartos na
busca dos que lles dispararan, mais non os deron topado xa que se agacharan debaixo dunhas redes.
A
partida deixou Baiona tranquilamente cando xa ía amencer. No monte da Groba
atoparon varios veciños de Belesar que andaban a recoller toxo para estrar as
cortes e obrigáronos a cargar cos fardos de obxectos roubados e non os deixaron
regresar ata pasar o San Colmado, cando era xa de noite. A cada un deles déronlle
oito reais. Logo sóubose que pasaran o Miño por Camposancos.
Xoves, 24 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario