Traslado da estatua do xuíz Taney |
En 1777, dous anos despois de iniciarse a guerra da
independencia dos EE UU, no condado de Calvert, en Maryland, nacía Roger Brooke
Taney. A súa brillante carreira política (secretario do tesouro; procurador
xeral) e na administración rematou por
empoleiralo na xefatura da Corte Suprema. Hai 145 anos, en Annanopolis, capital
de Maryland, erguéronlle unha brunida estatua de bronce na súa memoria. Onte mandárona retirar dos xardíns do
Capitolio do Estado e enviárona a un almacén. O día anterior retiraran outra
estatua do xuíz en Baltimor, a cidade máis poboada do estado. Acontecía só uns
días despois dos enfrontamentos de Charlottesville que remataron cunha persoa
morta pola acción dos denominados “supremacistas brancos”.
O seis de marzo 1857, Taney como presidente da Corte
Suprema, redactou a sentenza do denominado “Caso de Dred Scott (un escravo)
contra Stanford” na que se decidiu privar a todo habitante de ascendencia
africana, fosen escravos ou non, do dereito da cidadanía. O xuíz Taney, e os
demais xuíces, coidaba que dese xeito se podería implantar a escravitude en
todos os territorios da Unión. Os
escravos eran cousas, polo que non importaba onde residían os seus
propietarios, que poderían así desprazarse cos seus obxectos sen que variase a
condición da propiedade. O presidente Buchanan, no discurso de posesión,
reclamou respecto para a decisión do Supremo que se fixo pública uns días
despois. A tensión entre escravistas e abolicionistas foi en aumento. Cinco
anos despois iniciábase a guerra civil norteamericana.
A guerra como é sabido gañárona os abolicionistas do
norte; mais a memoria da derrota no sur e da brutalidade escravista segue sendo
incómoda, un século e medio despois. Esperta cando se rememora. Trump, a
dereita extrema, alentou a mitomanía do racismo branco e espertou a prolongada
memoria da discriminación racial que se prolongou formalmente ata non hai
moitos anos e na práctica social segue persistindo nun centro imperial dominado
polos WASP (White, AngloSaxon and Protestant) que encirran os seus xihadistas
tanto no interior como nas provincias. O choque entre supremacistas e
xihadistas é xa unha tráxica realidade no Estado Permanente de Guerra
decretado, aquel 15 de marzo de 2003, polo irresponsable e ignorante (fique
para eles a esperanza salvadora de que non soubesen o que facían) Trío dos
Açores.
A que vén andar remexendo nestas cousas? Que mal fará
unha estatua de metal que leva erguida século e medio en homenaxe a un señor
que xa ninguén acorda? Que mal fará unha estatua de Franco? Para que queren
andar con estas cousas? E logo que queren?, sacarlle o Pazo de Meirás?, se llo
regalaron, feito está...
Mais a memoria renace, non se apaga, porque as feridas,
non só persoais ou familiares, senón sociais provocadas pola escravitude, a
discriminación racial ou o franquismo non estarán fechadas ata que se envíen ao
fardel da historia e as súas pantasmas deixen de ameazar dende o corazón da
escuridade, dende o negror das tebras.
Sábado, 19 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario