A
frase, recórdanos Paul Tabori na súa Historia
Natural da Estupidez, escribiuna Henrique IV de Francia (1553-1619) na
sentenza asinada ao día seguinte do asasinato do seu antecesor Henrique III
(1551-1589) polo monxe Jacques Clément. O escrito di “...que o supracitado cadáver do supracitado Clément seja
esquartejado por quatro cavalos, em cada um dos membros, e despois queimado e
as suas cinzas atiradas ao rio, para
eliminar todos os átomos da sua memória”.
Mal
sabia o que ata ese momento era Henrique III de Navarra, e dende ese día tamén
Henrique IV de Francia, que a el íalle acontecer o mesmo. Un fanático católico,
François Ravaillac, espetoulle dúas coiteladas como fixera Clément co seu
predecesor. Na altura as guerras entre as distintas seitas relixiosas,
protestantes dunha e outra caste, católicos daquela ou da outra, asolaban
Francia e Europa. Cómpre recordar estas cousas ao falar de fanatismos actuais.
Henrique IV foi alcumado como “Henri le Grand” ou como “Le bon roi Henri”.
En
1793, durante a Revolución, os restos cadavéricos de monarcas e nobres inhumados en Saint-Denis
foron exhumados e enterrados nunha fosa común fóra do edificio. O corpo de Henrique
IV atopábase en bo estado, fora momificado, por iso o deixaron exposto para chanza do
público que lle arrincou anacos, entre outros a cabeza, que desapareceu. Deste
xeito Henrique IV converteríase en
símbolo dos restauradores monárquicos. Cando, 1817, exhumaron de novo os corpos
para devolvelos ao interior faltaban tres cabezas, unha delas a de Henrique IV.
Nada se soubo dela ata que un tal Joseph-Émile Bourdais a adquiriu nunha
subhasta por tres francos. Aseguraba que era a cabeza momificada do rei. Ninguén
o creu e o Louvre rexeitou a
posibilidade de acollela. A irmá de Bourdais vendeuna a un tal Bellanger que a
conservou ata que a Sociedade Henrique IV a localizou e impulsou probas
científicas, ata comparativas de ADN,
que demostraron que era a real cabeza que os pretendentes dinásticos
enarboran como símbolo mentres agardan, supoño que non a restauración senón a
que se acepte a devolución da reliquia a Saint Denis. A cabeza do “bon roi” non
deixou de dar voltas nestes últimos catrocentos anos.
Os
átomos da memoria de Henrique IV resístense a ser eliminados, como os do seu
asasino, ou os do seu predecesor, que intentou suprimir para sempre. Ou os dos inimigos do estado
romano condenados a “damnatio memoriae”, termino xurídico moderno, e polo tanto
á desaparición das súas imaxes,
monumentos, inscricións... incluso chegábase a prohibir o uso do seu nome. A condena
a que desaparecesen os átomos da memoria non tardou en afectarlle aos mesmos
emperadores; tocoulle xa ao terceiro, o célebre Calígula do que apenas se
conservan fontes e as poucas que a nós chegaron píntano como cruel,
extravagante, demente, pervertido e tiránico.
Tras el a outros trinta emperadores pasoulles o mesmo.
Non
é cousa de pasados remotos. Durante o período de Stalin, entre 1934 e 1953, o réxime recorría con constancia
á “vaporización”, como dicía Orwell en 1984,
prohibindo toda mención aos declarados como inimigos da Unión Soviética,
eliminando os seus nomes da prensa, libros, rexistros e fotos como no caso dos
bolxeviques de antes xa da revolución Trotsky, Bukharin e Zinóviev e a tantos
ou tantos outros. Na Arxentina prohibiuse mencionar o nome de Juan Perón e
referíanse a el como “el tirano
depuesto”. En Exipto, tras a revolución de 2011, o nome de Hosni Mubarak e da
súa esposa Suzanne desapareceron de todos os lugares públicos. En 2013, a páxina
web da Casa Real Española eliminou a
posibilidade de procurar información sobre Iñaki Urdangarin.
Os
átomos da memoria son dificilmente eliminables mestres haxa quen recorde. Non
foron quen de facelo corenta anos de franquismo e outros tantos de desmemoria
porque houbo quen recordou e o segue a facer, aínda que os lembrados non fosen
reis, emperadores, presidentes ou relevantes inimigos do estado, senón xente do
común.
É
bo lembrar, oitenta e un anos despois, neste agosto de tristes conmemoracións
no noso país.
Luns,28 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario