En primeiro plano o "Jet" de Vázquez Raña, a beira o de Slim e máis lonxe o de outros dous amigos que viñeron xogar ao dominó a Avión |
Andaba
eu a papar na mosca no pequeno cuberto da casa cando me lembrei do Luís de
Anllo. Fora el home de mundo. Seica andara, nada máis nin nada menos, que polas
antípodas australianas. Ese aire mundano e aberto ben que se lle notaba.
Gustaba dos pantalóns acampanados, agora seica lle din de pata de elefante, dos
xerseis curtos, por riba da cintura ao igual que a cazadora. Non variaba moito
de modelo; isto é, levaba sempre a mesma roupa. Como tiña a perna dereita un
pouco máis curta que a outra, levaba unha alza nese zapato e no outro tamén,
aínda que un pouco máis baixa. O pantalón vermello; verde o xersei acurtado; a
cazadora, cos corchetes desabrochados, de cor laranxa; os zapatos negros, iso
si. Anos despois collera fama o Travolta.
O
Luís non tiña un pelo de parvo. Estaba mondo lirondo. Para cubrir o refulxente e valleinclanesco “cranio
privilexiado” tocábase cunha perruca, negra como betume, como enzoufada en
brillantina e os pelos en pico anunciando a súa plástica natureza. Para impedir
que lla levase un aire traidor, poñíalle un chisco de branco esparadrapo,
supoño que tamén polo aquelado do contraste, en cada unha das patillas e por
riba unha gorra azul como de capitán de barco. Con esta guisa, cada certo tempo,
con seguridade o día de feira, baixaba o Luís pola rúa do paseo con algunha
bolsa plástica na man.
Como
o Manolo do Cantazo gañara os cartos a Sidney e ambos compartiran experiencias
nas antípodas, o Luís sentaba na terraza a tomar un cafeciño. Botaba unha
parrafeada, non moi extensa e, aos poucos, vencido pola canícula do verán, aniñábase
na cadeira para botar unha soneca. Ninguén sabía moi ben de que vivía, só que
moraba en Anllo, parroquia dun pequeno concello lindeiro co da vila; segundo o
Manolo trouxera unha boa paga dos anos de Australia e de andar embarcado. O
caso é que el tempo tiña. Ao espertar pasaba varias horas coa baleira taza do
café na mesa, as bolsas a rente da cadeira plástica, mirando pasar a xente e as
horas, papando na mosca.
Ora
que o Luís facíao literalmente. Era todo un espectáculo. Cando un destes
dípteros entraba na súa área de influencia, absorbía con tanta forza coma tino
e era quen de o envolver nunha corrente de aire continua que lle permitía
metelo dentro da boca, expulsalo, volvelo a meter, e repetir a acción durante
uns segundo ante o asombro xeneralizado. Eu vinllo facer en moitas ocasións.
Dicía que era cuestión de práctica.
Eu
non pretendía ensaiar a técnica do Luís, só pasar o tempo e espantar algún
deses insectos de dúas ás, cando, de
súpeto, no ceo azul apareceu un díptero metálico, e detrás outro, e logo un
terceiro, e despois un outro. Catro, un tras outro. Eran avións, pero máis
pequenos, voaban baixo e non seguían a ruta comercial senón que voaban en
dirección á canle das Cíes.
De
súpeto un Luís xigantesco ergueuse á
miña beira, íase inflando como eses globos das atraccións sobre os que saltan
os cativos, e seguía medrando... ata a altura dos catro obxectos voadores;
aspirou, un tras outro viraron de dirección e foron entrando, coas cabezas
gachas, nas turbulencias creadas polo Luís. Achegábanse á súa boca. Un tras outro entraron ata ben
dentro da súa gorxa e, ao pouco, saíron expulsados pola forza dos pulmóns do de
Anllo, dando voltas sen senso. Volveunos absorber e expulsar unhas cantas veces.
Acordei.
O Luís non estaba á miña beira. Os catro jets cruzaban o ceo. Decateime de que
eran os avións de Slim, Gómez Raña e os seus amigos que abandonaban Avión.
Outro
soño incumprido.
Sábado, 5 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario