domingo, agosto 06, 2017

Exhibición inmoral

O avión de don Olegario en Peinador
Cando eramos uns mozotes pillabamos algún Dyane6, ou algún  2Cabalos, e por aquelas estradas inzadas de curvas, xestas e toxeiras subiamos cara ao  Suído, non para empoleirarnos na Fonte do Avia, aló aos novecentos metros, na parroquia de Nieva, no concello de Avión, senón por motivos musicais. Parabamos na parroquia que nomea o concello, aínda que ás veces subiamos ata Amiudal, outras chegabamos a Beariz ou baixabamos a Magros.

De Avión fuxiron, entre 1950 e 1970, máis de dúas mil das súas escasas almas, a metade delas sen zapatos, dicía meu pai, para inzalo de sucursais bancarias, se non lembro mal coido que chegaron a ser catorce nos anos oitenta. Beariz, máis cativo en xente, perdeu neses vinte anos a metade da poboación. Uns e outros navegaron cara a México para traballar na hostalería, en tendas de mobles ou rexentando eufemísticas “casas de baños”. Algúns fixeron fortuna, outros nin chica; algúns ficaron alí para sempre, nunha terra na que, daquela e hoxe, a vida non ten moito valor se non tes con que protexela.

Subiamos, como dicía, para escoitar, no campo da festa, a Los Satélites dun lado e, cando estes paraban, á París de Noia que estaba enfronte; íanse relevando durante toda a noite e animándoa para pouco máis de dous centos de persoas; daquela aínda había xente. Completabamos a escena uns cantos miróns que gustabamos de escoitar música en directo e que non fose de banda.

Na altura comentábase que un daqueles mexicanos moi ricos fixera un campo de golf á beira do chalé. Non lembro o apelido, pero debía coincidir con algún dos que anda estes días polas encostas do Suído. Dicíase tamén que a avoa do millonario americano seguía a manter unha ou dúas vacas que botaba a pacer no campo de golf porque lle daba pena que se estragase aquela herba tan xeitosa; o malo era que as touras facían de ventre e derramaban o coidado tapiz verde e logo, seica,  a pelotiña branca non rodaba ben. O coidador da herba apuraba os tratamentos para o enceto de agosto, que era cando viñan os mexicanos xogar; a vella a botar as vacas e o xardineiro a queixarse e a berrarlle; e as risas polas tirapuxas a estenderse polo lugar.

Daquela, que eu saiba, publicábanse as listas dos grandes éxitos musicais pero non se facían rankings entre os mais ricos, nin nos tiñan informados desas carreiras por acumular millóns que teñen entre eles. Seica, estes días, un que vén como un foguete, adiantou a varios e púxose na cabeza do pelotón no que figura en lugar de destaque un tal Carlos Slim que veu  a xogar ao golf non sei, pero ao dominó si, nas faldras da beira ourensá do Suído. Sábese  porque as imaxes  do avión particular en Peinador, da partida no bar e dos persoeiros no xantar do aniversario da muller dun dos Vázquez Raña, o Slim afirmou que non podía fallarlle a “doña Gela”, reproducíronse con insistencia en toda caste de xornais dixitais ou impresos. Seica foron xantar ao Barazal de Maside, nunha coidada paisaxe salvaxe, dicía algún medio madrileño; outro, do mesmo sitio, asegurou que o mexicano se hospedaba no “cortijo” de don Olegario.

Tanto isto de “doña”, como o de “don”, lémbrame algo do cine, pero non sei que...

O que non sabía era que o presidente da Xunta tivese relación familiar ou de amizade como para convidalo a unha celebración tan particular. Ou será doutra caste a relación?.

Que sería da avoa? Con ela debeuse ir a sensatez. Ficou o exhibicionismo inmoral.


Xoves, 3 de agosto de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario