José Arias Teixeiro e Correa. Gravado de B. de Artágen |
Onte
falamos aquí do destacado dirixente político carlista Xosé Arias Teixeiro (1799-1867),
nacido e morto na casa de Pías, en San Pedro da Ramallosa, Nigrán. A casa, na
actualidade albergue xacobeo e de exercicios espirituais, é coñecida como Pazo
das Damas Apostólicas, xa que foi a esta institución relixiosa a quen lla doou
a súa propietaria Ramona Diéguez Cervela, herdeira dos Arias Teixeiro miñoráns e
dos Losada Diéguez ribeiraos.
Ata
os máis cativos saben que a pataca procede, como outros produtos do campo de
uso común, de América. En concreto dos Andes, onde os pobos sometidos ao Inca as cultivaban en
diversas variedades, ata 700, e en elevadas altitudes. Non é pois ningunha
novidade falar da procedencia americana dun tubérculo tan presente na dieta
alimentaria dos europeos en xeral, e moi en particular dos galegos. Somos nós
uns dos principais devoradores deste froito de debaixo da terra, Manuel Rivas definiunos nunha ocasión como “os
comedores de patacas”. Afección que compartimos con outros pobos da Europa
atlántica, en particular cos irlandeses, cos que temos moitos outros elementos
comúns. Coma todo, os costumes mudan e os recursos tamén e o consumo de patacas
non acada hoxe as dimensións “quintalmétricas” dos tempos inmediatamente idos.
Emporiso
a introdución da pataca no noso continente, e no noso país, foi un feito
serodio. As primeiras noticias que se teñen do seu emprego en Europa proceden
da Lorena, a rexión fronteiriza, causante de tantas desgrazas históricas, entre
o que hoxe son Francia e Alemaña. Seica arredor de 1630 cultivouse naquelas terras para
consumo humano, claro que foi durante a brutal Guerra dos Trinta Anos e a fame
era moita. O binomio fame-pataca está presente na expansión deste produto, en
principio, pouco atractivo para o consumo.
En
Galicia temos noticia de que se plantou no convento padronés de Herbón en 1607. Pero será moito
máis tarde cando se xeneralice o seu cultivo para consumo animal e aínda
tardará máis en formar parte da dieta humana. Daquela a base alimentaria dos
galegos era a castaña, non ten pois nada de estraño que as primeiras
denominacións da pataca fosen “castaña mariña” ou “castaña das Indias”. Cara a mediados
do século XVIII o seu cultivo foise estendendo e tamén modificando a paisaxe
agraria ao poder cultivarse nas terras altas do interior.
A
mediados do século XIX temos noticias de que as persoas maiores negábanse a
comer patacas. O seu consumo rematou por impoñerse arredor de 1850, coincidindo coa expansión dun
parasito, procedente tamén de América, que estendeu a enfermidade da tinta e
que deu conta, con certa rapidez, dos enormes soutos de castiñeiros que inzaban
a paisaxe galega. A escaseza de castañas impulsou a súa substitución pola
pataca, mudando así o fundamento da dieta alimentaria galega, que se mantiña
dende a prehistoria.
Na
segunda metade do século XIX, os malos anos agrarios e as pésimas colleitas de
patacas empurraron esa enorme enxurrada
migratoria que deixou o país medio baleiro. Un caso semellante pasou en Irlanda
co que os estudosos denominan “crise da pataca”. Nova similitude coa illa
miticamente fundada por Ith, o fillo de Breogán.
No
Val Miñor a introdución da pataca deuse tamén na segunda metade do XIX e nela
seica xogou un importante papel don José Arias Teixeiro y Correa. Cando o vello
carlista, que fora Ministro Universal do pretendente don Carlos, regresou, en
1865, do seu longo exilio en Francia á súa casa de Pías, en San Pedro da
Ramallosa, converteuse nun propagandista deste produto e, aos poucos, foi mudando a convicción dos
labregos que seguían pensando que debaixo da terra non podía medrar nada bo.
Domingo, 27 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario