luns, xaneiro 29, 2018

10x10x10

Foto: Xoaquin, Libraida
A libraría olla pola súa grande fiestra ao río de Morgadáns, uns metros antes de empatar co Zamáns, para chamarse Miñor; quizais esta salomónica solución permita evitar disputas de como se chama o río aquí ou acolá, ou cal é a orixe xenuína do mesmo. Tamén o debeu pensar o concello que colocou un novo cartel presidido por esta ambigüidade fluvial, tanta que ata non se sabe moi ben onde remata. Miran pois os libros para o parque da Coelleira, nos lindes da antiga demarcación condal, e ve pasar as xentes arriba e abaixo polo paseo Carlos Casares.

A taparía ten mesmo diante a Galiña Azul ideada por Alfonso Soliño en homenaxe a quen a soñou diferente, con cinco plumas vermellas na á dereita, poñendo ovos de colores, dicindo cocorocó na vez de cacaracá e facéndolle doer a cabeza ás autoridades. Aseñora a memoria do autor aquel xardinciño verde, acougo de tardes solleiras.

Entre Libraida e a Galiña, entre libros e tapas, Aida, Xoaquín e César idearon un recordo mensual ao escritor. Cada mes, durante dez, na libraría, unha persoa, boa coñecedora da obra,  rememoraba a lectura dunha das súas creacións literarias. Cada mes, durante dez, na Galiña degustabamos a tapa referida ao titulo e escoitabamos, entre cañas e mencías, a lectura de dez persoas dun dos textos d´A marxe que máis ou menos aconteceron ou facían referencia ao Val Miñor. Dez meses, dez persoas relatoras, dez lectoras en cada quenda. Máis de cen participaron, pois, nesta prolongada homenaxe ao escritor veciño, argallada en colaboradora conxunción pola libraría Libraida e a taparía A Galiña do Ardora.

Hoxe tamén me convidaron a min a ler un textiño d´A marxe. Escollín un que falaba de gafes, un tema do que Casares gustaba, non só por rir, paréceme, senón tamén, porque non fondo, coido, pensaba que algo diso había. Cometeu un erro imperdoable, citar polo seu nome  o gafe, Billy Wilder; o despiste debeu ser porque coidou que, como o director ía tan maior, a  súa capacidade para atraer a mala sorte estaba moi debilitada.

A tiriña sobre Wilder é unha das moitas que eu cualificaría como “as miñas favoritas”. Hai tempo que nestes retallos falei dela e da cuestión da gafea. A verdade é que cando, despois do relatorio de gafadas, chegou ao momento en que Wilder  rodaba un filme sobre as dúas Alemañas, con algunhas escenas na Porta de Brademburgo, e vai e cáelle o muro, non din contido as gargalladas, en parte provocadas polas falangueiras amizades que me acompañaban. A lectura non debeu quedar moi aquelada, interrompida polas miñas propias risadas; descontrol impropio dun lector, gafado pola rememoración de Billy, o xenio, e as ganas de rir de Casares.

Así se lle puxo o ramo a esta iniciativa de dous comercios locais, de bo e discreto facer e eficaz resistencia contra a masificación de centro comercial.

Déixolles aquí o breve resumo visual que fixo Xoaquín, o de Libraida. Saúde e grazas aos participantes.

Xoves, 25 de xaneiro de 2018


2 comentarios: