xoves, xaneiro 25, 2018

Que carallo de xente


Un amigo, que sabe  disto, contoume algúns casos por sufrilos na súa santa paciencia. Unha señora foille protestar, como autoridade do ramo,  porque o galo veciño cantaba pola mañá e espertábaa; outra, que tiña que obrigar a mudar o galiñeiro de sitio porque lle  cheiraba mal. Unha parella, farta dos de Mañufe que celebran todo o santoral, incluído o invernal, o outro día tiveron o San Sebastián e dentro de pouco o San Brais, expúxolle o seu malestar e que ordenase un horario civilizado e un limite de foguetes. Cada pouco ten que escoitar a demanda de que ordene a este ou aquel chimpar eucaliptos ou acacias por seren perigosas e inútiles; tenlle que explicar que coincide coa opinión dos demandantes pero que as árbores teñen donos e algunhas disputas semellantes xa teñen rematado no xulgado. O outro día unha señora esixiulle que obrigase  o veciño a  cortar as pólas dun carballo porque as follas lle estragaban a piscina e tupíanlle a recollida de augas.

Non sei moi ben como denominar esta mentalidade de “urbanita” incómodo coas molestias “ruralitas”, coas herbas malas, as toupeiras, os ladridos caninos e todo o que interrompa a idílica tranquilidade da aldea. Ao que máis se me asemella é a Homer e Bart Simpson facéndose falcatruadas por ver quen ten que cortar a herba; só que neste caso as trasnadas paterno-filiais trasládanse á veciñanza.

“Que fermoso país pero que carallo de xente”. A frase atribúenlla a Laxeiro. Mais eu non o teño tan claro, tanto porque dicir tamén dicía que fora barbeiro cando na verdade dedicábase a debuxar na vez de cortar o pelo, como porque parece unha frase tan evidente que a alguén se lle tivo que acorrer antes que ao de Lalín, e este o que debeu facer foi inscribila no rexistro.

Os casos que me contaba o meu amigo son exemplos diversos desta carallada de xente. Agora ben, a esencia, a pureza, a enxebreza, a xenialidade, a obra cume da carallada, lina o outro día no xornal. O sucedido aconteceu aquí á  beira, en Malvas, que non é que vaia mal senón que van ter, se o político de quenda non o remedia, que pagar seis mil euros por chimpar unhas árbores protexidas para que puidese pasar o camión da Panorama.

Seica os problema xa viñan de antes. Eses tráiler-escenario, aos que pode subir  toda a veciñanza da parroquia e queda sitio para os de fóra, que traen as orquestras non daban pasado e unha vez conseguido contratar a Panorama e co caché que ten non se ían deter por unhas poucas  árbores. Total cinco liquidámbares e outros tantos plátanos.

O denunciante, un escultor, denunciou á Asociación de Veciños quen, en exercicio do poder democrático, decidiu, por maioría, cortar as  árbores. O daquela concelleiro do BNG, no goberno municipal,  di que se pincharon para ampliar o espazo da festa e que puxo a disposición dos veciños os operarios municipais.

Pero, a asociación de veciños non sabe nada. Recoñece que si se aprobou por maioría pero ninguén ordenou que se executase. Xa que logo a empresa contratada polo concello andaba por alí a podar e ocorréuselle podar as arbores polo pé. Engade o portavoz veciñal que a ver quen demostra que eles teñen algunha responsabilidade. Non recibiron a notificación pero se lles chega recorrerana tanto  porque, por unha banda, o denunciante non pediu permiso para plantar as árbores, por outra esas árbores non estaban protexidas  e ademais de non deixar sitio para a festa había queixas por mor de que as follas tupían os canlóns da recollida de augas.

O portavoz veciñal tamén aclarou que isto ocorre porque o denunciante non ten que facer e abúrrese moito. O concelleiro do ramo di que é cousa dos veciños.

Que tropa!

Martes, 23 de xaneiro de 2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario