Izaura Gomes Peres |
O
nome de Izaura Gomes Peres xorde sempre
nas pescudas sobre o período republicano e a persecución franquista nas terras
miñotas. Muller de ideas progresistas e republicanas; animadora do agrarismo
antiforal; escritora en prensa portuguesa;
colaboradora do Nuevo Heraldo da Guarda que dirixía Juan Noya;
protectora do guardés na casa de Figueiró durante máis de cinco meses;
argallante da fuxida, dende Lisboa, de Alonso Ríos despois de rasurar as barbas
do Siñor Afranio; esposa de Paquiño de Figueiró, asasinado en Mondariz.
A
súa, unha vida de traxedia. Filla de emigrantes tomiñeses, naceu, en 1905, en
Lisboa. Medrou entre os estertores da monarquía de Manuel II e o alborexar da inestábel
República coa morte sobrevoando a vida dos seus. Cando os pais casan, xa eran
viuvos. O pai era tío da nai. Aos seis anos de nacer Izaura, morreu o pai. Un
ano antes fixérao un medio irmán. Despois a irmá maior; tres anos máis tarde o
outro medio irmán. Logo dúas irmás. Cando tiña 15 anos, a nai.
Entre
Lisboa e Figueiró transcorreu a súa vida. Á aquela moza, rica e fermosa, a morte roldouna mesmo como paixón amorosa.
Foi noiva durante un tempo do tristemente célebre “O Rubio”, dereitista,
despois falanxista, vitimario, que rematou por virarse tolo “baixo o remorso do
moito mal que fixo”, segundo deixou escrito Juan Noya.
Ás
doce da mañá do cinco de outubro de 1936 o xuíz municipal de Mondariz procedía
á inscrición dos cadáveres de Manuel Piñeiro Zúñiga, Domingo Paramos Núñez, Manuel Pérez Besada, Hipólito Gallego
Camarero, Fernando Rubio Estévez, e do home de Isaura, Francisco Rodríguez Otero.
Segundo o escribán municipal a morte producírase sobre as seis da tarde do día
anterior, nos arredores da vila de Mondariz.
Podemos
imaxinar, naquel día de outubro, o corpo miúdo de Isaura que acollía a
fortaleza da muller na que a morte batera en tantas ocasións e presentir a dor xerada polo crime cometido no corpo
amado. Aquela muller dirixíndose a Mondariz para recoñecer o corpo do seu Paco.
Contan
que, na noitiña daquel cinco de outubro, cando o coche a deixou na beira da estrada, ao encetar o
camiño cara a Figueiró, aos poucos, este foise enchendo de veciños da
parroquia, de homes, que iluminaban o seu paso con candís, velas e fachucos...
e a acompañaron ata a porta da casa. Alí agardábana as mulleres da parroquia para
consolala no dó.
Non
é doado imaxinar unha escena con tanta forza solidaria, emotiva e mesmo
estética.
Mércores,
3 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario