venres, xaneiro 12, 2018

Cabalgata de Reis

Leo nalgún lugar do que non me lembro que un anarquista e un socialista foran os que organizaron a primeira cabalgata de reis nunha vila grandeira do norte do país. Seica o fixeran para traerlle ilusión aos cativos. Aqueles delirios sobre os socialistas e comunistas come nenos só collían nas cacholas trastornadas polo franquismo. Máis ben as xentes de esquerda pecaron sempre dun certo exceso de humanismo roussoniano, cando menos en canto teñen que erguer a defensa dos dereitos colectivos e do benestar popular. Ás veces, enguedellados polo poder, convértense en servidores do Estado -Fraga titulou así algún dos seus variados libros de memorias ditados- e, se teñen moito poder, en posuidores do estado e da razón. A esquerda debe coidarse de arrimarse en exceso á gran bicha do poder e, sobre todo, ao gran monstro do moito poder, en especial cando este se mide en posesións persoais. Pero isto non viña ao caso.

O asunto ven a conto porque hai uns días, nunha homenaxe a un amigo e compañeiro, ensináronme unhas vellas fotografías dun fato de rapaces e rapazas, galeguistas de corazón, que argallamos, durante algúns anos, a Cabalgata de Reis da nosa vila.  Mesmo algúns e  algunhas, daqueles mozos eramos ademais sedicentes esquerdistas que lían ás agachadas, na eterna procura da contradición principal, a Mao e textos anticolonialistas de Memmi e Fanon. En conxunto, nacionalistas galegos de razón.

Na altura, mediados dos setenta do século XX, pretendiamos tamén o sorriso nervioso dos cativos pero sobre todo que os Reis falasen galego e neutralizar as forzas vivas tardofranquistas da vila que tiñan emitida unha fatua contra “esos del gallego”. A algúns consentíannolo porque eramos estudantes, iamos e viñamos, e xa se nos pasaría; mais coas persoas que estaban incorporadas ao seus traballos ou en idades maduras foron desapiadados. Ficaba aínda lonxe que o galego se puidese impartir nas aulas.

O caso foi que con altos e baixos aquela asociación cultural, nacida, en certa medida, ao abeiro daquela inocente cabalgada republicana disfrazada de magos do oriente, segue hoxe viva, activa e integradora, corenta e tantos anos despois. Aínda seguen a ser magros os apoios dunha sociedade que ficou embelesada, hoxe sabémolo, polo que a Sra. Tatcher chamou “capitalismo popular”.

Mesmo nesta usurpación da soberanía polas multinacionais os magos orientais, sospeitosos de xihadismo e, ademais cun negro entre eles, ficaron arrombados polo despegue celestial dun vellouco barbudo, níveo e  repoludo, , subido a un carro sen rodas, e de roupas coloradas como as botellas de Coca-Cola. O imperio sabe que o seu poder susténtase sobre estas aparentes pequenas cousas.

Ficaron os reis marxinados do gran negocio, do delirio do consumo, da obsesión posesiva de obxectos e convertéronse na fachendosa exhibición do poder municipal recortado polas políticas austericidas dos que inventaron o choio ese da crise. As autoridades municipais preocúpanse agora de que os disfrazados con orientais vestidos teñan caramelos suficientes para guindarllos ás cabezas indefensas de pais e cativos. Nalgún caso o desvarío vaidoso dalgún munícipe chega a nivel enfermizo.

Foi magoa que non ficase con copia dalgunha daquelas fotos ben máis interesante que a que hoxe ilustra este retallo.

Venres, 5 de xaneiro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario