Esta
noite seica hai que poñer algunha prenda vermella e erguerse co pé esquerdo.
Debe ser unha das escasas concesións simbólicas a iconas esquerdistas. Tampouco
ceden máis que unhas horiñas nas que semella obrigado estar ledos. Ao día
seguinte todos, de novo, a mirar para a dereita. Mesmo cun toque militar.
O
do título debeume quedar “fixado” dende o meu suplicio nas beiras do mediterráneo
central ibérico, entre Valencia e Castelló, cando tiven que cumprir cos deberes
militares para coa súa patria. Fiquei saturado de recibir ordes e supoño que de
aí procederán os meus respingos ante as frases de mando. Lémbrome dalgúns que
as daban. A un deles chamábanlle o
americano, dicían os “correveidile” que era porque estivera nos “rangers” americanos,
agora son máis famosos os “marines”, e mesmo, dicían, participara na caza do
Che en Bolivia. Outro era fillo dun xeneral que matara ETA e tiña prohibido ver
a televisión o día que poñían Holocausto,
unha miniserie que protagonizaba unha aínda nova Meryl Streep. Aínda que o que de
verdade mandaba era un que, pouco tempo despois, se fixo moi famoso, o tal
Milans del Bosch, a quen un día, no que mandaran saír do cuartel a todas as
compañías, ollei descender dun helicóptero vestido de guerreiro e dirixirse ao
corpo de garda, supoño que á “sala de
banderas”.
Non
sei por que me viñeron ao maxín estas imaxes tan recuadas cando o que lles quería
era comentar algo sobre o futuro político máis inmediato. Para entender estas
trécolas hai que recorrer a Freud.
O
que quería era expresarlles os meus temores, produto da impresión de que nos
próximos tempos o panorama político español vai dar un xiro á dereita mesmo co
risco dun escoramento excesivo similar ao que leva producíndose, en termos
xerais, en Europa, agás en Portugal.
Fago
estas consideracións como resultado das eleccións catalás que non só puxeron de
manifesto a marxinación do partido gobernante, en Cataluña, senón que consolidaron
unha opción de substitución arredor dunha dereita de aparencias renovadas, non enlamada na corrupción sistémica e cun
discurso autoritario na cuestión crucial no Estado español, que non é outro que
o encaixe das nacións negadas no mesmo. Constataron os comicios tamén a
incapacidade do PSOE de recuperar posicións e o desfonde de Podemos nun
permanente debate de incertezas hamletianas.
Como
é evidente non se pode facer unha simple translación da eleccións catalás ao
conxunto do Estado. Mais as páxinas de gabanza, as verbas enxalzadoras, as
imaxes enaltecedoras e as múltiples loas emitidas polos máis diversos medios
ilustran esta sensación de que a dereita séntese tan forte que mesmo se pode
permitir o luxo de meterse na máis cruenta guerra interna dos últimos corenta
anos; dende a voadura de UCD. E arríscanse despois da súa ridícula incapacidade de derrotar o independentismo e nin sequera poder impedir a
súa maioría absoluta, a pesar do golpe constitucional, da utilización das
institucións xudiciais, do secuestro de administracións, de despregues
policiais, de ameazas soterradas, da brunete mediática, da campaña do IBEX, dos
presos políticos, de Puigdemont en Bruxelas.
A
pesar dese ridículo tanto os “seareiros irresponsables riveristas” como os “responsables
seareiros rajonianos” semellan terse retado polo hexemonía na dereita ante a
incomparecencia da esquerda que tivo dúas oportunidade de apartalos e non foi
quen. O perigo está en que nesa disputa non só non se inhabilite o diálogo coas
forzas maioritarias do Parlamento catalán senón que, premidos polo de que teñen
todo por gañar e pouco que perder, os que teñen moito que perder escollan tamén o camiño da recentralización pola senda
da reforma constitucional flanqueada polos xarróns chineses de González e Aznar
mentres o bombardeo da brunete mediática lles vai achanzando o camiño cun PSOE
e cun Podemos incapaces de cortarlle o paso á tentación autoritaria.
As
posibilidades dunha esquerda capaz de deter esa ameaza recentralizadora pasa,
na miña opinión, pola resolución das dubidas hamletianas de Podemos e das esquerdas soberanistas. Os primeiros terían que
abandonar a pulsión españolista, marcada a ferro pola cultura PC, e admitir a
autoorganización das esquerdas nacionais; os segundos desbotar a tentación
isolacionista e abrirse a propoñer e participar na construción dun novo modelo
de estado. Son estas dúbidas hamletianas as que dificultan un “pacto confederal
de esquerdas” que evite estragar votos, concertar esforzos e presentar unha
alternativa.
Serán
moitas incertezas?. Tantas como as que fixeron fracasar os intentos destes anos
ou na transición a Federación de Partidos Socialistas (FPS). Os seres humanos
teñen a virtude de poder bater con reiteración na mesma pedra,ás veces para ata
apartala do camiño.
Domingo
31 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario