sábado, xaneiro 20, 2018

Un breve discurso

Pasqual e Ernts Maragall nun mitin de ERC
Anda o nacionalismo español recompoñéndose. Semella que, cando menos unha parte dos que mandan, os 35, apostan por un relevo ou cando menos así llelo están a indicar aos seus altofalantes mediáticos.

Ese nacionalismo español emerxente, opositor en Cataluña, enrabiouse moito co discurso do presidente da mesa de idade no pleno de constitución do parlamento de Cataluña resultado do aporreamento constitucional do 155.

Dixéronlle de todo: provocador, duro, inusual,  anoxante, mitineiro, glorificador do independentismo, contundente, vómito de biles e de odio, rompedor da neutralidade, soflama de marcado ton político, sectario, excluínte, irresponsábel, contra o goberno, ataque ao Estado (EL País)... non sigo. Un discurso de pouco máis de oito minutos interrompido por un aplauso irrespectuoso  procedente da bancada do dereitismo español emerxente.

Quixo a casualidade- ou a planificación?- que fose este home que acaba de celebrar o seu 75 aniversario a  persoa electa de maior idade e que, xa que logo, lle correspondese presidir a sesión.
Comezou aclarando que se houbese unha situación normal non estaría alí. Pero non é normal, xa que: “os que deberían estar aquí, non están” e tamén porque o 1º de outubro: “a cidadanía tomou as rendas do seu destino, non poderán borralo da memoria colectiva”. Describiu: “o estado español non sabe gañar, senón derrotar, só sabe castigar e humillar”.

Quen falaba era Ernest Maragall Mira que fora portavoz do goberno municipal de Barcelona,  “Conseller” de Educación, membro da Executiva do PSC, deputado deste partido que abandonou en 2012 para encabezar un proxecto político denominado Nova Esquerra que concorreu ás elección en coalición con ERC e pola que saíu electo.

Neto do poeta Joan Maragall, posiblemente o que máis doeu en certos medios é  que fose el quen presidise a mesa e que lembrase o seu irmán Pasqual, ao que citou polo seu nome, o que fora alcalde cando a Barcelona olímpica; o que lle recordou aos converxentes que tiñan un problema co 3%; o presidente da Generalitat;  o impulsor daquel estatuto, aprobado naquela mesma sala o 30 de setembro de 2005, coa promesa de recoñecemento por parte do Presidente Zapatero, ratificado en referendo, cepillado e ben cepillado, segundo Alfonso  Guerra, pola Comisión do Congreso, recorrido polo PP, cepillado de novo polo Constitucional...

“Tratamos, dixo, de abandonar o mercadeo e o entendemento entre elites para un acordo fondo, federal, pero o estado español non entende de reconciliación nin de soberanías compartidas”.
Fosen cales fosen as palabras de Ernest Maragall, ían molestar. Porque a súa persoa e sobre todo a do seu irmán doente personifican a cidadanía catalá que deixou as miserias do Estado Español ao descuberto.

Xoves, 18 de xaneiro de 2018



Ningún comentario:

Publicar un comentario