Os
que vivimos os anos finais da chamada Guerra Fría estamos somerxidos nunha
escéptica indiferenza ante as ameazas
nucleares. Foi tal a reiteración do perigo que a absurda idea de dous
mega-poderes dispostos a acabar coa humanidade, e ata coa vida no planeta, semellaba un pouco cómica.
Probablemente
a esta idea, un tanto descrida, a respecto dos perigos reais axudou a imaxe dun
militar americano cabalgando unha bomba atómica e axitando un sombreiro como se
dun cowboy texano se tratase. A imaxe
era dun filme de Stanley Kubrick (1964)
que levaba por titulo Dr.
Strangelove or: How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb,
simplificado, á hora da súa
difusión, en Dr. Strangelove e que entre nós coñecemos como Teléfono vermello, voamos cara a Moscova.
O
filme era unha especie de pesadelo cómico no que Peter Sellers interpretaba
tres personaxes: un capitán, o presidente dos Estados Unidos e o asesor presidencial e ex-científico nazi Dr. Strangelove. No momento cume do filme o estrambótico e estrangallado
conselleiro érguese da cadeira de rodas e exclama Mein Führer, podo andar!;
nese intre a bomba estoura e a resposta soviética, “O dispositivo do xuízo
final”, ponse en marcha levando por diante o planeta. Coido que nos esqueciamos do remate
do filme, un gran fungo atómico ao estourar a bomba, envolvidos na hilaridade
da escena.
O
equilibrio de forzas era tan grande que chegamos a pensar que a carreira armamentista
era tan absurda que nalgún momento se decatarían. Así foi, cando os soviéticos
creron o farol de Reagan sobre a “Guerra das Galaxias”, os programas de
desmantelamento nuclear aceleráronse. Ficaba a posibilidade dun accidente, como
seica estivo a punto de suceder naquel incidente
do equinoccio de outono en que a mesura do coronel Petrov salvou a
humanidade.
A
verdade é que me sorprendeu a seria advertencia do Papa Francisco sobre o
perigo de que un incidente desencadee un
conflito nuclear e mesmo que para facela recorrese ao impacto da foto do neno
xaponés agardando a súa quenda ante o crematorio de Nagasaki. A posibilidade
nunca deixou de estar presente, mesmo durante un tempo falouse de que algunhas
cabezas nucleares puidesen escapar ao control ruso despois da desaparición da
URSS, falouse de científicos rusos a soldo. Agora levamos un tempo en que se
volve falar destas cousas. É evidente que quen ocupa a cátedra de Pedro ten
sempre boa información.
O
outro día falabamos das posibilidades dunha nova Guerra Fría económica e de que
esta desencadease en Rusia un delirio
polo rearme. Parece que esa posibilidade vai para longo. Pero andar xogando co
tamaño dos botóns nucleares pode provocar un despiste en calquera momento,
moito máis se quen o teñen preto seméllanse, ambos, ao histriónico Dr. Strangelove.
Kubrick
podería rodar un remake cun só actor como fixo con Sellers. Tería que ser reboliño iso si; tinguíndoo unhas veces de
rubio e engurrándolle un pouco a cara e
outras de moreno, deixándolle unha tersa pel.
Mércores,
17 de xaneiro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario