Non
hai moito tempo estiven nun deses museos do mundo próximo que tanto nos
emocionan aos que temos ideade para lembrar trebellos, sensacións, cheiros,
espazos, texturas... que á xente nova
lle custa identificar; que, para nós convértense case en aparicións marianas
, en revelacións do pasado, e para os máis novos en indiferenza precisada de
detalladas explicacións.
Foi
en Grandas de Salime, nas terras do Eo, onde teñen un Museo digno de visita.
Aínda que se rotula como Etnográfico ten unha concepción tan ampla como o espazo
que ocupa, e nel podes revisitar os carrefures de hai medio século, os escanos
escolares de madeira avellada, os trebellos de manufacturas varias, ademais
claro da vivenda, muíño,corte, hórreo, cociñas da época, etc.
Entre
aquela inmensidade de obxectos ollei un que, meses despois, retrotraeume ao que
cando eramos nenos chamábanlle “El día de las Misiones”. Para nós era un dos
escasos días bos do ano escolar. Non lembro os detalles. A uns poucos deixábannos
ir pedir pola rúa o día de feira armados dunha cabeza, de cerámica, que
representaba un negro, un chinés ou un indio americano con plumas e todo. A basta
figura enlarafuzada de cores rechamangueiras tiña unha regaña na croa da testa
pola que se metían as moedas. Nós tiñamos que dicir: “una ayuda para las
misiones”; a persoa doante, case sempre mulleres, introducía o seu donativo no peto
e nós colocabámoslle un adhesivo pequerrechiño no solapa do abrigo, que a
libraba de que ao pasar por outro grupo de escolantes esmoleiros lle fose reiterada
a petición. Para nós era un día de xolda, tanto por andar polas rúas da vila nunha
barulleira xornada de tratos, como, e
sobre todo, porque ese día saían tamén as rapazas uniformadas do colexio das
monxas, o cal nos permitía botar algunha que outra ollada, facer algún comentario
elevado ou poñerte rubio como unha mazá
cando te decatabas de que tamén podían elas falar de ti.
Así
que andabamos xuntando uns poucos cartos para os negriños da África, daquela
nunca viramos ningún, para os indios das películas, o cal non entendiamos moi
ben, pero, sobre todo para os pobriños chineses que morrían de fame e só comían
unha presada de arroz; pero que tamén eran unha ameaza, xa que os que alí
mandaban queríannos invadir e aínda que estaban moi atrasadiños en todo, como
eran tantos sempre nos podían gañar.
O
da fame era ben certo. Falo máis ou menos de cando aquela tolemia maoísta do
“Gran Salto Adiante” que querendo colectivizar e industrializar por decreto
causou a morte por fame de millóns de persoas. Xa que logo o da invasión en
masa ficou aprazada. Non a das ideas, que uns anos despois prenderon con certo
éxito entre a mocidade universitaria de París, Berlín e Barcelona. Tamén entre
nós tivo os seus seguidores.
Quen
o diría pasados cincuenta anos? Dúas
xeracións despois, a xente séntese ameazada pola invasión obxectual chinesa;
mesmo nalgúns casos eses temores exprésanse cos xeitos xenófobos de quen sempre
está disposto a castigar o inferior e
obedecer o superior. Escoiteille moitas
veces á rapaza botarlle a culpa do peche das tendas e bares dos seus pais aos
chineses, pero non aos franceses dos carrefures e alcampos, aos alemáns de Lidl
ou aos americanos de McDonald´s ou Pizza Hut.
A
China da xeración de Li Guangtou e Song Gang, os dous irmáns de promesa (Brothers, Seix Barral, 2009) protagonistas
da provocadora novela de Yu Hua, namorados da mesma muller dende, cando eran
uns cativos, que lle viran o branco traseiro nas latrinas públicas en plena
Revolución Cultural . Mentres un, o intelectual, vese superado polo excesos
económicos e sociais; o outro, o canalla, saca proveito do capitalismo salvaxe.
A novela non é a mellor de Yu Hua pero si a máis divertida e estridente.
No
mundo contemporáneo occidental as mudanzas tecnolóxicas aceleráronse dende a
antiga lareira do museo das Grandas ata a actuais placas de indución. Na China os
cambios foron escintilantes, aínda en menos tempo, e non só tecnolóxicos, senón
sobre todo sociais e económicos permitindo alimentar a mil catrocentos millóns
de persoas. Fazaña inconcibíbel hai só tres ou catro décadas a de converter tantos
millóns de chineses famélicos en avidos consumidores.
Venres,
19 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario