Non
foron moitas as celebracións; máis ben pasou sen pena nin gloria. Con
premeditada ignorancia por parte dos grandes medios de comunicación, cun certo
desleixo nos círculos académicos, un mirar atravesado entre os seus teóricos
continuadores e unhas nostálxicas e escasas bagoas. Refírome á revolución de
outubro, dicimos nós, aínda que daquela era novembro, na gran Rusia pilotada
dende Petrogrado. A grande, a segunda das revolucións rusas daquel 1917, que
marcou o século XX.
Tanto
este como a revolución bolxevique fican xa nas gabetas da historia. Case trinta
anos despois da desaparición da URSS e do seu século, ambos son materia de
libros de texto, de ensaios eruditos, de debates nostálxicos ou de lamentacións
do que puido ser e non foi.
A
revolución bolxevique, principio e fin dun século, o vinte, o curto, o de
Hobsbawn (1914-1991), medrou baixo o persistente temor, o pánico, dalgúns, as elites políticas e económicas do
capitalismo, a que se reproducira nos seus territorios, nos seus mercados. O medo
dos propietarios, do que sexa, a perder o que teñen só ten dúas repostas, a
represión ou a reforma. As dúas se empregaron para coutar o perigoso andazo que
viña do leste.
Tras
a súa grande obra, a derrota do nazi-fascismo, en alianza temporal, insólita e irrepetíbel
co capitalismo liberal, as elites capitalistas decatáronse de que era peor o
medo paralizante que as reformas pactadas. Dende que os obreiros da Renault ían
traballar mentres os estudantes andaban á procura da area debaixo dos lastros e en Praga
esfarelábanse as posibilidades do socialismo democrático, xa se decataron, as
elites, de que outubro andaba a boquear con respiración asistida.
Agardaron
pola súa propia derrota e déronlle a volta polo forro. Desmantelaron o Estado
de Benestar concibido, polas elites, só como muro de contención; a desigualdade
desbordouse e o mundo converteuse nun inseguro territorio dependente de
calquera Calígula asentado na Casa Branca. Sen o medo ao comunismo regresou o
capitalismo salvaxe, brutal.
A
revolución bolxevique, como a francesa, as dúas grandes revolucións que
configuraron o mundo contemporáneo, condicionando cada unha o seu século, son xa asuntos da historia. Mais non son
asunto da historia a loita pola igualdade e pola liberdade no nome de que se
ergueron.
Eses
dous conceptos imaxinarios incrustados no mundo material, que modelan os nosos
desexos, que concertan vontades, seguirán turrando da esperanza colectiva, das
loitas das sociedades humanas.
“A
historia de toda sociedade ata agora existente é a historia da loita de clases.
Home
libre e escravo, patricio e plebeo, barón e servo da gleba, mestre e oficial,
en suma: opresores e oprimidos, estiveron nunha oposición permanente,
mantiveron unha loita ininterrompida, ora ocultada, ora aberta, unha loita que
cada vez remataba cunha transformación revolucionaria de toda a sociedade ou co
afundimento conxunto das clases en pugna”, escribiron Marx e Engels en 1848.
Sábado, 30 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario