mércores, xaneiro 31, 2018

Anécdota, ignorancia ou ocultación

Hai uns día comentabamos nestes retallos unha entrevista xornalística ao profesor Núñez Seixas co gallo da publicación do volume 10 da Historia de España de Critica/Marcial Pons que el coordinou. O tomo leva como título España en democracia, 1975-2011. A xornalista, Mar Gil, inquire ao profesor por que Galicia non aparece nese tomo. A resposta de Núñez Seixas é que nestes anos Galicia é unha anécdota, unha comparsa, e que o pouco que aparece é porque o escribiu el, que se o escribe outro colega aínda aparecería menos. Pode un compartir o argumentario do profesor sobre a física posición periférica e as elites provincianas. Mais non todo en Galicia son elites provincianas e a periferia é sempre unha posición visual.

Ando estes días co volume que é de agradecer tanto polos apéndices de cartografía e cifras, como, en especial, por unha atinada e parcial sección de documentos e testemuños na que non se incorpora nin un só documento, por breve que fose, referido a Galicia e nos que, en contraste, hai varias paxinas de textos de dirixentes ou institucións vascos ou cataláns. Entón un dá en matinar: pero nin sequera a anécdota periférica de elites provincianas xerou un brevísimo texto salientábel en 36 anos?.

A estrutura do volume facilita a súa lectura fragmentada. Iso é no que ando. Lin só o capitulo, parte III, dedicado á “Cultura” da autoría de Javier Múñoz Soro. Considerando a limitación espacial, cen páxinas, as referencias ao mundo cultual galego son necesariamente escasas. Tanto? E ademais tan absolutamente subsidiarias como para limitarse aos nomes de  Álvaro Siza e Peter Eissenman, Torrente Ballester e Camilo José Cela, á posta en marcha da TVG, a títulos de Alfredo Conde, M. Rivas e Suso de Toro en función de acadar cadanseu Premio Nacional (enténdase de España) de Narrativa, aos “vigueses” Os Resentidos, Siniestro Total e Golpes Bajos e a que La lengua de las mariposas de Cuerda está baseada no relato A lingua das bolboretas de M. Rivas, cousa que nin sequera é exacta, pois, como é sabido, o magnifico guión, da autoría compartida de Cuerda, Azcona e o propio Rivas, está baseado na conxunción de tres relatos de Que me queres amor: o que lle presta o título ao filme, Un saxo na néboa e Carmiña.

Finalmente, a xeito de inventario de equilibrado queda-ben e recoñecemento dos servizos prestados, citase a Ramón Piñeiro, Laxeiro, Casares e Díaz Pardo como impulsor de Sargadelos e Ediciós do Castro. Só se pode sinalar que se destaca, con corrección, a Ramiro Fonte, do que se citan tres libros.

Isto é todo o que se pode dicir do mundo cultural galego nos 36 anos do longo ciclo estudado? En verdade somos tan pouca cousa, tan pouca cousa, tan anécdota? Non hai unha revista, un xornal, unha proposta cultural, musical, poética, literaria, artística, teatral, pictórica, escultórica ou arquitectónica propia salientábel? É simple descoñecemento? É brutal ignorancia? Ou programada ocultación a mantenta?.

Desculpen a precipitación ao comentar unha parte do libro sen coñecer a substancial que é da autoría de Seixas e da que agardo o mellor. Pero é que entre unha cousa e outra revisei as corenta páxinas do breve resumo cronolóxico de grandes acontecementos no que Galicia aparece citada a través da constitución das súas institucións autonómicas, do devir político de Manuel Fraga, da operación Nécora, do Prestige, da vitoria do chamado bipartito e da derrota do mesmo. That´s all about, dicía o Correcamiños.

En Galicia non houbo reconversións do naval, folgas xerais, tractoradas, crise do sector leiteiro, explosión da moda, Inditex, xacobeo...

Un acaba sospeitando de que é a mantenta.


Sábado, 27 de xaneiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario