Juan Manuel Castuera. Iniciación. 1946 |
Xa
é un tópico, pero como todos, cun aquel de verdade: o século XX é o século da
imaxe. Na súa primeira metade nomeadamente da fotografía. O valor das imaxes
fixadas pola cámara é múltiple: testemuño do que foron rúas ou paisaxes;
reflexo de aconteceres cotiáns; fiel proba de rostros, peiteados e vestires;
eco de citas sociais; documento histórico e ás veces expresión de composición,
iluminación, encadre... Unha arte de complexa técnica.
A
fotografía convértese a cotío en memoria. A cámara fixa o acontecemento e do
mesmo xeito que as miradas sobre os obxectos son múltiples tamén unha fotografía
pode ser ollada dende diversos ángulos, tanto persoais como históricos, da vida
cotiá ou económica, política ou socioeconómica. Mais aos poucos a fotografía
foise afastando da función mnemotécnica
para irse achegando a unha concepción artística semellante á da pintura, nun
proceso semellante ao que esta, en diversos momentos, coñeceu. A foto captura o
momento, a pegada, nunhas ocasións como recordo para transcender, noutras como
experiencia vivida na arte.
No
retallo de onte matinabamos sobre a unha
fotografía de Juan Manuel Castuera.
Non é o único fotografo salientábel
orixinario desta vila, aínda que si o máis destacado nesta visión da fotografía
como creación capturada, única e intransferible.
O gondomarés
naceu en 1921 e finou en 1990. Aínda que marchou novo da vila, regresou en
moitas ocasións e nunca se desvinculou nin dela, nin do Miñor, onde, cando
menos, realizou unha serie “De mi valle” e algunhas das fotos doutras series como
“De mi dorna”, “Mariñeiros nós”, “De la ría”. Traballos da década dos corenta
cando é activo participe na Agrupación Fotográfica Galega, dedicándose en
exclusiva á fotografía e realizando exposicións nas cidades do país. A finais
da década publica a serie “Barreiras” na revista Galicia Emigrante que edita, en Buenos Aires, Luís Seoane.
Juan Manuel Castuera. Mariñeiros, 1947 |
A
principios dos cincuenta casa cunha miñorá e traslada a residencia a
Montevideo. Regresa, unha ducia de anos despois, para instalarse en Madrid onde
traballa primeiro para o Ministerio de Información e Turismo, despois como
fotógrafo fixo en TVE e logo no Instituto Nacional de Educación Física (INEF),
publicando fotografía deportiva e impartindo clase desta especialidade. A
finais dos setenta establécese en Compostela traballando para a TVE e despois
para a TVG ata a súa xubilación.
Probablemente do Lucas. San Roque, Morgadáns, comezos do século XX |
A
fotografía entendida como memoria, practicada como documento, exhibida como
testemuño é a que realizaba outro gran fotógrafo gondomarés, José Domínguez Rial, máis coñecido
como “Lucas”, alcume herdado do pai. Naceu en 1867 en Chaín. Como Castuera e
outros moitos miñoráns, en especial da banda de Gondomar cara a Morgadáns,
estableceuse en Montevideo onde aprendeu o oficio e estableceu un estudio en
sociedade denominado Domínguez & Peragallo que tiña os seus locais no nº 21
da céntrica rúa Mitre da capital da Banda Oriental. Cruzou, en preto de vinte
ocasións, o Atlántico para gañar a vida, pois traía e levaba placas
fotográficas e abrira taller na súa parroquia; algunhas delas servirían como auténticas actas de defunción ou
de vida, de obras rematadas ou comezadas, de mocidades repoludas e velleces desoladas. Faleceu nonaxenario a
finais da década dos cincuenta.
Coa
súa cámara atrapou os labores agrarios en casa de fartura con dúas xuntas de
bois, e a miseria ao pé dos casopos; as festas a carón da igrexa e a hora do xantar abondoso; a escola, coa
autoridade da mestra e as distincións sociais reflectidas nas roupas dos
cativos; as paisaxes do Gondomar dos eidos labrados e a mesma morte como acto
público e natural. O seu taller abandonado foi pasto da rapazada enfeitizada co
escachar das placas de cristal. Salváronse un cento escaso de placas e
coñecemos outras moitas reproducidas en vellos papeis fotográficos.
Probablemente do Lucas. San Roque, Morgadáns. 1905. |
As
súas obras, practicamente descoñecidas. Castuera, recoñecido e valorado nos
medios profesionais; O Lucas, incorporado con escaseza nalgunha exposición de
época. Ben merecía a pena que as xentes de Gondomar ou as, en xeral,
interesadas puidesen gozar dos seus “clics”, ou cando menos saber deles.
Luns,
22 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario