sábado, xaneiro 20, 2018

María Antonieta e o xene lambón

María Antonieta, retrato realizado por Élisabeth Vigée Le Brun en 1783.
Aínda seguimos a remexer co acontecido hai mais de douscentos anos, entre 1789 e 1794. Neste quinquenio déuselle a volta ao mundo. Os  que daquela vivían só se decataban do que tiñan diante, non percibían a transcendencia. Anos despois viñeron os 10 días que abanearon o mundo, tamén houbo que agradar para percibilo; neste caso mesmo semella que aínda non se entendeu. A historia non ve ben de preto.

Tres séculos despois seguimos falando de liberdade, igualdade e fraternidade; seguimos ollando polo retrovisor as sombras daqueles  anos. Teses de doutoramento, libros, ensaios, artigos de opinión...  recuncan unha e outra vez, no desenvolvemento, nas consecuencias , nas causas. Ben saben, reiteradas ata a saciedade: ilustración, desigualdade estamental,  crise financeira, malas colleitas. A alza dos prezos dos alimentos consecuencia destas últimas xerou constantes debates no permanente “repensar” a que somete a súa revolución a historiografía francesa. En  toda Europa as malas colleitas, cos seus correspondentes ciclo de fame, estiveron presentes ao longo do século XVII e XVIII. Tamén na superpotencia militar económica e demografía que era Francia.

Seica María Antonieta, nunha ocasión en que a xente se encarou con ela por mor da  escaseza de fariña, respondeu, un chisco alta: “Qu’ils mangent de la brioche”; que coman pasteis! A frase  irritou aínda máis o odio popular contra a raíña que xa era moito. Non está claro que dixera tal cousa pero apandou con ela. Segundo Rousseau foi  María Teresa de Austria, esposa de Luís XIV, a que dixo algo parecido: “S'il ait aucun pain, donnez-leur la croûte au lieu du pâté” (Se non teñen pan que lle dean a masa follada no sitio do paté). Stefan Zweig atribúelle unha frase semellante a unha tía de Maria Antonieta. Fose ou non, a irritación popular coa aristocracia de Versalles e cunha raíña que non deixou de ser unha inconsciente ata que lle  rabenaron o pescozo, foi en aumento.

O caso é que a maldición emitida por unha ou outra testa coroada contra os pobres semella que se está a cumprir dende hai anos. Os pobres comen agora pasteis e engordan con serio perigo da súa saúde. O “xene lambón” empúrraos a devorar donuts, croissants, cheetos, bollycaos, hamburguesas preñadas de touciño ou pizzas de fariñas ignotas. A comida lixo, “fast food”, produce obesidades enfermizas; xa é un enorme problema sanitario nos Estados Unidos; comeza a selo en Europa e a metade da poboación mundial ten problemas de exceso de peso e a tendencia vai en aumento.

Nos enormes e extensos barrios miserables de Los Ángeles os traballadores, as clases baixas e os marxinados consomen bebidas con exceso de azucres, peixes e patacas fritidas , bocadillos , polo frito, aneis de cebola , cans quentes e sorbetes, manducan insaciábeis carnes graxentas e pasteis inzados de natas e regados con xaropes industriais. Mentres en Bel-Air ou Beverly Hills aderezan as ensaladas ecolóxicas, cociñan ao vapor as súas verduriñas, cocen quinoá traída do Machu Pichu para botarlle por riba ao seu cadradiño de tofu ou acompañar os seus anaquiños de sushi.

A maldición de María Antonieta e o xene lambón confabúlanse contra a humanidade.


Martes, 16 de xaneiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario