Vladimir
Putin anuncia a súa candidatura ás presidencias de marzo. Agárdase que gañe. De
ser así, ao remate do novo mandato, o ex
axente do KGB en Alemaña oriental sumará 22 anos á fronte da Federación Rusa;
dezaseis nominalmente e oito co interinado de Dimitri Medvédev. A conta pode
seguir medrando. Case se pon á par de Stalin que estivo, formalmente, á fronte
da URSS doce anos, pero trinta como Secretario Xeral do PCUS, aínda que parte
deles como poder compartido, cando menos ata que laminou a oposición interna ou
a quen quixese disputarlle o poder.
As
grandes estruturas políticas, os imperios, tenden a reproducir o poder a través
de dinastías: Julio Claudia (42), Flavia (27) Antoninos (84) Severos (42)... na
actualidade os períodos son de máis curta duración, por cuestións estéticas
teñen que se ir relevando; aínda así Bush (12) Clinton (8 e se lle sumamos o interinado
de Obama, 16), etc. Xa que logo ben poderiamos recorrer ao titular fácil e
definir a Putin como un “novo tsar”. En
formas autoritarias e de control persoal do poder podería asemellárselle; non
na forma de exercelo nin, sobre todo, no aspecto máis esencial, na miña
opinión, da Rusia actual, o abandono das nostalxias imperiais e a aposta por consolidarse
como nación.
Mesmo
é probábel que o primeiro gran fracaso da revolución de outubro fose, tras a
morte de Lenin, a incapacidade de concibir unha Rusia limitada ao seu imaxinario
nacional e persistise o mito imperial que se agrandou coa idea protectora de
Stalin e se consolidou durante a Guerra
Fría. Esa inercia imperial, da que Gorbachov tamén estaba posuído, dificultou
que as reformas deseñadas coa perestroika chegasen nin a encetarse.
Putin
goza hoxe dun poder semellante ao dun Secretario Xeral do PCUS. Conta cun amplo
apoio entre os sectores populares que substituíron, noutra reviravolta da
historia, o marxismo-leninismo pola
igrexa ortodoxa. Intuímos dous motivos: meter en cintura os cleptocratas do
período de Ieltsin, simplemente obrigándoos a pagar impostos e encarcerando os defraudadores,
e pacificar, sen moitos miramentos, as repúblicas do norte do Cáucaso despois
de case dúas décadas de guerras.
Putin
encarna un pobo humillado que desexa un país grande e forte, que ambiciona unha
Rusia convertida en nación. Por iso o referendo e incorporación de Crimea e as
mobilizacións de Maidán (coa súa restra de inxerencias) reforza a súa figura, a
pesar de que as sancións occidentais detivesen o crecemento económico.
A
outra novidade dos seus dezaoito anos no poder e os catro máis case seguros é virarlle
os ollos a Rusia. A gran potencia, nunca deixou de selo, miraba sempre cara a occidente.
Pedro O Grande e a capital en San Petersburgo serían o exemplo máis acaído: o
oso ruso apampado polo brillo de Londres, París, Viena ou Berlín. Agora Putin
deulle a volta e Rusia mira cara ao leste, rompendo cos decenios de tensións
fronteirizas, ideolóxicas e económicas
cos herdeiros non só de Mao senón tamén de Deng Xiao-ping, e aposta polo gran
proxecto Euroasiático co que Rusia e China pretenden ir fuxindo do control
económico que os Estados Unidos realizan a través do Fondo Monetario
Internacional e do Banco Mundial.
Unha
nova guerra fría económica parece achegarse e con ela a tentación rusa de asegurar
o seu papel de potencia, que se recoñece máis feble, recorrendo ao rearme como
xa ocorrera durante a Guerra Fría.
E
todo cunha estraña personalidade en Washington.
Domingo,
7 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario