Nalgunha
ocasión teño reflexionado con persoas amigas, mesmo escrito con extrema
brevidade, acerca da “literaturización” da nosa cultura. Ben sei que é un
problema complexo. Mais deberiámolo mirar.
Refírome
non tanto a que considere que a produción poética impresa sexa excesiva, nin
sequera a de narrativa; senón a escaseza doutros xéneros capaces de tirar a
produción editorial galega do limitado, ao mellor autolimitado, campo da lírica
e da novelística. Realmente, coido, que o que se bota de menos é o cultivo e
edición de ensaio, en especial daquel de carácter divulgativo, pois o de tipo
“universitario”, isto é, a publicación de recensións de teses de doutoramento,
volve reproducir o esquema da literaturización xa que a inmensa maioría delas
inciden nos estudos filolóxicos ou literarios ou , en moita menor medida, nos
traballos históricos de marcado carácter académico e en achegas abertamente
político-ideolóxicas.
Probablemente
esta debilidade teña moito que ver coa escasísima presenza e potencia da
cultura galega nos medios de comunicación da que ou ben se atopa expulsada a
mantenta ou ben porque, a causa de complexidades diversas, falta de habilidade
ou desleixo, fomos incapaces de dotarnos deles coa suficiente forza social.
Non, como é evidente, por falta de cualificación senón por falta de intensidade
na demanda, tanto pola razón sinalada como porque o mundo editorial non o
reclama. Deste xeito o novelo non se da desenleado.
Estes
días gocei, e moito, coa lectura de dous libros cos que me agasallaron. Os dous
teñen certas semellanzas: ambos foron demandas editoriais de fóra para
explicarlle Galicia aos de alá e que son ben útiles para que a entendan os de acá,
os dous publicados en español, poderiámolos etiquetar como ensaios divulgativos
de carácter histórico. Un está construído dende o rigor historiográfico mesturado
coa arte da redacción desenvolta, brillante, axeitada ao fin de divulgar. O
outro emerxe dende o xornalismo de altura para non abandonar a severidade
documental. Un vai da academia á divulgación; o outro percorre o camiño
inverso.
Estoume
a referir tanto a esa apertada síntese
da frustración dunha nación que é a Historia
Mínima de Galicia (Turner, 2016) de Justo Beramendi como a esa particular
teoría da nación que desenvolve Miguel Anxo Murado en Outra idea de Galicia (Debate, 2016) da que xa hai, por fortuna,
versión galega. Ambos recomendables para quen desexe achegarse con tino ao
proceso de construción da nación dos galegos e galegas.
Ambos
textos precisos e preciosos no momento no que o debate sobre a(s) cuestión(s)
nacional(is) ocupa un lugar de privilexio nos andeis editoriais españois e do
que non debemos ficar ausentes.
Martes,
9 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario