mércores, xaneiro 17, 2018

O declive de Orcellón

Cando era un cativo, subía por una estrada, daquela afastada do centro da vila, hoxe un enxameo de edificios “altinísimos” de vivendas baleiras; pasaba pola beira dunha tenda de pinturas rotulada “Comercial Orcellón”. Dende o primeiro día metéuseme o eufónico nome entre os miolos.

Logo fun coñecendo algo do pouco que se sabe. Que era o termo impreciso para referirse a un territorio escasamente definido ao redor do actual concello do Carballiño. Aqueles meus iniciáticos saberes viñan da man do Corcheiro, que un día nos levou a Castro Cavadoso e defendeu a súa tese de que aquel debía ser o castelo de Orcellón, na  Terra medieval de Castela. Hai algún tempo que José Luís Sobrado considera que a fortaleza de Castro Caldelas de Orcellón estaba na Teixeira, en Brués, no concello de Boborás. Non moi lonxe pois.

Coas denominacións medievais sempre hai unha incerteza natural. Pasa  coa Terra de Turonio, tamén de lindes incertos, mais ben indefinidos, entre a Paradanta , o Miño e o  sur da ría de Vigo. E tamén coa Terra de Castela que abranguería un espazo difuso, pechado polos contrafortes do Faro,  pola serra da Martiñá, delimitado polo río Viñao e o Avia, por unha banda, e máis polo Barbantiño e o Miño, pola outra, co Arenteiro correndo polo medio. Entre Oseira e Ribadavia, no medio cadraría O Carballiño. Ao redor do Arenteiro andaría ese máis pequecho territorio de Orcellón.

Agora seica fica sen xente, leo nunha nova de prensa. A comarca actual, como é sabido sen funcionalidade máis que formal porque as deputacións son cruciais para o control político dos impostos cidadáns, do Carballiño fórmana oito concellos: Cea, Piñor, O Irixo, Boborás, Maside Punxín, San Amaro e Beariz, de moi diversa extensión cada un, dende os moi grandes como o Irixo con 121 km² ata Punxín con só 17.

Na década dos setenta do pasado século, cando eu era mozote, viviamos nesta area preto de 45 mil persoas. Na actualidade fano 26.765. Se lle quitamos a estas as case  14.000 censadas no Carballiño, resulta que para atopar a alguén vivo hai que dar ben voltas por centos de quilómetros cadrados. Deste evolucionar hai xa ben tempo que se decataran os meus fillos, aínda cativos; non sei moi ben cal deles  preguntoume: pero aquí só hai persoas maiores?

Non sempre foi así. Por exemplo, eu, dezao de nacenza e infancia (nacido ao pé do Monte do Carrio, botei a andar en Rodeiro e deixei de luxar os cueiros en Prado), son a causa de que os meus pais fosen vivir ao Carballiño, para que puidese estudar e ter futuro. Cousa que non vían en Lalín. E non foi así, o aire cosmopolita dun Carballiño turístico, próximo á capital provincial, inzado de mozos mexicanos e panameños  a bordo dos seus flamantes coches americanos e erguendo torres de vivendas para que as mercasen os emigrantes europeos, foi en declive. Mentres  Lalín desenvolvía unha actividade agraria e industrial facilitadas tanto polas condicións naturais como,  sobre todo, polo exercicio, ao seu favor, dun forte poder político local.

Asústanse en Orcellón, pero non vén de agora . Falan de declive rural, pero non é tal.  É declive de país; mesmo se fala de catástrofe, de inverno demográfico, de suicidio demográfico... mais trátase de falta de esperanza, de ilusión, de vitalidade, de política e dun chisco menos de indolencia, de indiferenza,  e de que “o que veña detrás que arree”.

Historicamente Galicia foi, case sempre, un territorio superpoboado. Leva un retroceso poboacional de case século e  medio e chegou xa a un punto preocupante. Mais, como diría Castelao das sardiñas, a xente viría se o goberno  quixese.

O fatalismo é a peor das indolencias.


Sábado, 13 de xaneiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario