As
aceleracións tecnolóxicas, ás veces, acostuman vir acompañadas de saturacións
apuradas. Tal é así que xa se escoita falar, entre os móbil-adictos, de “fatiga
dixital”. É a consecuencia dun consumismo irracional da novidade, do recente, da
consecución inmediata de imaxinarios obxectos de desexo, da persecución do
último... Isto tamén ocorre no mundo das ideas, en especial, nas presentadas
como máis ou menos esquerdistas.
Quen
non lembra nestas datas de Nadal, en especial no fin de ano, a irrupción
escintilante de mensaxes breves que che amargaban a noite con enxeñosas, máis ou
menos, frases de parabéns? Pronto se
esqueceron substituídas polos guasap que agora xa non conteñen escritos senón
centos de, seica, “unidades de información” que chegan en restras como os chourizos,
bautizadas “memes”, o termo que empregara hai xa ben anos Richard
Dawkins no seu libro O
xene egoísta . Ala, darlle ao dediño, e se che chega algo reenvíao case sen
mirar. Non me estraña o da fatiga, expresión máis transparente que a de
saturación e máis fina que a correspondente en linguaxe popular e coloquial.
Os
medios audiovisuais, co bule-bule tecnolóxico, están sometidos a unha especie
de permanente estrés. Quen se lembra dos
casetes que se arranxaban meténdolles un bolígrafo bic para axustar a cinta?; case,
quen se lembra do bolígrafo?; o dos CD, os máis cativos xa non acordan o que é...;
aínda que sempre hai unha reviravolta e volven ser apreciados os vinilos; digo
eu por que a xente aprende a valorar a calidade e non a novidade. No asunto dos
móbiles xa non me meto que me perdo na ignorancia.
No
consumo cinematográfico-televisivo houbo tamén cambios acelerados. Os que temos
anos acordámonos de vilas medianas con tres ou catro salas de cine inzadas de
xente, cando menos o domingo, e ata o venres ou o sábado; acordamos unha canle
única antes da chegada da liberdade entendida como consumo de lixo, manipulación
informativa e sobredose de fútbol. O televisivo semella un medio conservador, mais
hai anos que atopou no formato de serie un poderoso nicho de mercado.
Algunhas
destas series contan con guións extraordinarios, grandes actores e actrices e
magnificas realización cinematográficas. Eu gozo moito con algunhas delas.
Seica tamén lle gustan moito a ese globo desinchado ao pouco de chegar á
presidencia que foi Obama. Hai tempo, sendo aínda presidente, afirmou que era
un fiel seguidor dalgunhas. A verdade é
que non ten mal gusto pois entre as que sinalou están algunhas das que máis
fervor espertaron en min.
Chamoume
a atención que entre elas citase dúas que abordan directamente o seu mundo de
decisións: House of Cards e Homeland. Segundo algúns medios, nunha
conversa o expresidente díxolle ao máximo responsable de Netflix a respecto da
primeira: “oxalá as cousas fosen tan desapiadadamente eficientes na vida real”.
As frases sacadas de contexto sempre poden ser interpretadas, para ben ou para
mal; da sentenza presidencial non distingo se pretende distanciarse dos métodos
“desapiadados” ou laiarse porque os seus métodos non sexan tan efectivos como
os de Frank Underwood e a súa señora esposa-presidenta coa súa corte de poderosos
funcionarios nomeados a dedo, especuladores multimillonarios, lobbystas, matóns
e corruptos dos que se rodean.
De
Homeland non atopei que dixese nada
en concreto, pero non é moi insensato imaxinar unha sala cunha gran pantalla
para seguir as imaxes do bombardeo dunha voda pastún no sur de Afganistán ou a
caza de Ben Laden, aínda que quen vexa as imaxes e dea as ordes non sexa Carrie
Mathinson senón unha muller que excede a mediana idade e toma decisións sen
importarlle moito o que puidese dicir un bluf desinchado.
Admirei
sempre a ductilidade dos poderosos norteamericanos para permitir as máis duras
críticas ou desenmascaramentos sen recorrer a coartar, de forma aberta, as liberdades
de expresión da súa sociedade. Ao mellor porque son conscientes do seu moito
poder.
Semella
que o mundo reflectido na serie sobre a Casa Branca ou sobre as actividades e
formas da CIA non se afasta moito do real.
Para
botarse a tremer!.
Luns, 8 de xaneiro de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario