O
outro día fun pillar o pan á tenda e ao
pasar polo caixeiro dúas empregadas estaban a contarse segredos. Decateime porque falaban baixiño, de
non ser cousas de agachar falarían normal. Eu tamén arrimei, disimulando, a
orella. Falaban de amores rotos. Unha contaba; a outra exclamaba: Non me digas!
Segue
chamándome a atención o éxito de determinados programas de televisión, dos que
xenericamente agrupamos baixo a denominación de tele-lixo. Deses que ninguén ve
pero dos que todo o mundo fala. Basicamente tratan de descubrir as
interioridades dos que se atreven a acudir a eles. Algún rematou por crear os
seus propios personaxes engrandecidos polos rumores do moito que cobran. Estes
xéneros de ver, de espiar, non son exclusivos dos programas de “dimes y diretes”,
senón que é o esquema no que se sustentan algúns programas de debate político,
que mesmo foron decisivos na modificación do mapa político español, nos
barulleiros de fútbol ou na última das novidades: a cociña.
En
aparencia estes programas funcionan porque descobren “secretos” (ao falar de
persoas), primicias (dinlle así ao falar das fichaxes futboleiras) ou
exclusivas (cando se poñen serios para falar de política). Vamos, que son un díxome,
díxome. O asunto está na polisémica verba de “secreto”, aquilo do que poucos
saben; na miña época a xente chamábanlle
“secreta” ao que nós lle chamabamos “social”, agora chámanlle “secreto” a un corte de vai
saber ti que parte do porco.
Mais
o do segredo non é tan certo. O que en realidade determina o éxito dos
programas de que falamos é que ao xénero humano gústanos mirar, ver, curiosear.
O outro día falabamos, a propósito dun libro de Yuval Noah Hariri, do “xene lambón
. El non fala do xene curioso, pero porque non se lle ocorreu, porque en moitos
anacos do seu libro fala de cousas que ben poderiamos agrupar baixo esta
denominación.
Tampouco
é unha novidade. Se somos humanos é polo “xene curioso”. Esa foi a causa da
nosa expulsión do Paraíso e o cúmulo de desgrazas que nos veu enriba só pola
manía de saber. Por exemplo, teño un amigo que se dedica a estudar os cabaliños
de mar; é un científico que pasa horas e horas, viaxa dun lado a outro do mundo
para saber cousas destes curiosos bichiños. Para que? Ou ese proxecto enorme que anda por
debaixo da terra, en Suíza, ben pegadiños a Francia, querendo acelerar
partículas para descubrir o esquivo bosón de
Higgs que mira ti que para que servirá.
Os
científicos sempre xustifican os seus dispendios cun non sabemos para que pero
algo se sacará de estudar os cabaliños de mar ou de darlle velocidade aos
protóns. Mais todos sabemos que estas cousas non se fan pola rendibilidade nin
inmediata, nin futura, senón porque somos unha especie curiosa, cun xene que
nos empurra a saber e outro que nos fai devorar unha libra de chocolate polo
medio da tarde.
Co
ben que se estaba na paradisíaca ignorancia, tiveron que andar Adan e Eva
remexendo as cousas e encerellándonos co desexo de saber; porque o malo dos segredos é que cando se
saben, deixan de selo.
Domingo,14 de xaneiro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario