Paco de Figueiró |
Onte
despediamos neste Retallos a Mario Rodríguez e a Lito Oliveira. Hoxe
recuperamos uns poucos datos sobre o pai do primeiro, Francisco Rodríguez
Otero. Diciamos que o 4 de outubro fixeron unha “saca” de presos no seminario
de Tui, os que mataron en Mondariz. Foron asasinados, ademais de Francisco
Rodríguez Otero, o mestre de Forcadela Hipólito Gallego Camarero e o industrial
tomiñés Manuel Piñeiro Zúñiga, e mais dous veciños de Tui, Domingo Paramos Núñez
e Manuel Pérez Besada.
Os
tres primeiros participaron na organización da resistencia do Comité de Defensa
da República de Tomiño. Francisco Rodríguez Otero era secretario do xulgado,
xogador do Goián, colaborador do semanario republicano Nuevo Heraldo da Guarda, e membro da comisión escolar da escola de
ensino primario «Aurora del Porvenir», onde exercía como mestre Antón Alonso
Ríos, na altura deputado, a quen acompañou a Tui e A Guarda en calidade de
enlaces entre os diferentes CDR do Baixo Miño.
Na
madrugada do 25 de xullo de 1936, Rodríguez Otero fuxiu a Portugal e
presentouse á policía lusa, pero devólveno polo posto de Tui. Fica en liberdade
e préndeno o 29 de xullo.
A
Hipólito Gallego Camarero, de tendencia galeguista, casado coa mestra Josefa
García Segret, autora de Abajo las
dictaduras (Vigo, 1982), tras a
caída da defensa de Tui, agáchase ata que é detido o 10 de agosto de 1936. Uns
días antes, o 2 de agosto, unha cuadrilla de tres falanxistas deteñen a Manuel Piñeiro Zúñiga, concelleiro
da Frente Popular en Tomiño e propietario dun negocio de ultramarinos en
Amorín. O 6 de agosto están encarcerados no Seminario de Tui, onde se empezan amorear
os presos do sur de Pontevedra.
Na
causa militar serán acusados de participar na resistencia ás tropas rebeldes no
Baixo Miño, e entre outras, acúsanos os da
voadura das ponte de Tebra, na estrada de Redondela á Guarda, e da de
Forcadela, entre Tui e Gondomar.
A
reiterada estratexia, tanto para
xustificar a aparición de cadáveres lonxe dos seus lugares de detención como
para resolver o asunto aplicando a chamada “lei de fugas”, foi empregada tamén neste caso, aínda que
semella que con calculada premeditación.
Na
causa 1302 (Folio 30, Causa 1302, Vigo, VIII Región Militar, Juzgado Militar
Especial, AIRMN) recóllese a declaración de Generoso Carrera Solleiro, sarxento
de ferrocarrís e veciño de Amorín, quen afirma que “también sabe por haberlo
oído a personas significadas, aun cuando en este momento no le es fácil
indicar, que el Hipólito Gallego acompañado del Rodríguez Otero y de Manuel Piñeiro
Zuñiga estuvieron en los días que se organizaba el movimiento marxista en un
lugar situado a la entrada de Mondariz, donde establecieron un depósito de
armas y explosivos, ofreciendo el declarante suministrar al Juzgado, tan pronto
le sea posible, todos cuantos datos pueda obtener relacionados con este hecho,
ya que se halla practicando ciertas averiguaciones encaminadas a tal objeto,
aun cuando los repetidos tres sujetos que desde luego estuvieron en aquel lugar
son los llamados a determinar el punto fijo donde depositaron los efectos de
que se trata».
Esta
declaración prodúcese un día antes de ser conducidos pola Garda Civil de Tui
ata Mondariz para determinar onde se encontraban tales depósitos de explosivos
e armas. Ao chegar ás proximidades da vila «los referidos procesados trataron
de huir por lo que tuvieron necesidad de disparar contra ellos resultando todos
muertos». ( Folio 97, Causa 533/36, Vigo, VIII Región Militar, Juzgado Militar
Especial, AIRMN).
A
morte acontece ás seis, a acta non especifica se da tarde ou da mañá. A partida
de gardas civís que os conducía cebáranse co corpo de Hipólito Gallego, quen
apareceu completamente desfeito, cravado cunha baioneta contra a terra. Parece
que os demais tamén foron salvaxemente torturados.
Martes,
2 de xaneiro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario