Remataron
as festas do Nadal e os Reis non foron xenerosos en exceso polo que imos
consolarnos falando de doces, que coméndoos seica poden facer mal. Será a quen
non pode. Así que cun anaco de trenza de Copena, sento na butaca e vanme os ollos á edición cutre dun dos máis grandes traballos
de edición da cultura galega, a Historia
de Galiza que dirixiu Otero Pedrayo e que o fillo adoptivo de Gondomar,
Lois Tobío, argallou dende o exilio nas beiras do Mar del Plata. O proxecto non
se rematou. O que pretendía ser, en palabras de Otero, A Grande e xeneral
Estoria, ficou só en dous tomos de edición primorosa.
Deste
xeito entre petisco de boleardo e groliño
de viño de Porto, xa que tostado do Ribeiro non hai, revisito o primeiro tomo
no que se recolle o traballo de Risco sobre a etnografía. Un dos capítulos que o autor denomina “Festas do
ano” comeza, como é lóxico, co ciclo do Nadal. Risco elabora as tradicións que
recolleu, interprétaas, relaciónaas con outras semellantes e achéganos, como
sempre, interesantes visións da nosa cultura tradicional. No que Risco non se
detén, madía leva, é en que aquelas festas en nada se asemellan ás
de hoxe convertidas nunha esaxerada e presuntuosa exaltación do consumo.
A
data de maior relevo nas celebracións tradicionais era o Día de Noiteboa, o 24,
que iniciaba un período que se alongaba
ata o día Reis, no que fracasaban todas as artes malvadas da bruxería. Nesa
noite non se podía deixar morrer o lume, nin varrer a lareira polo arredor xa
que as animas dos defuntos da familia víñanse quentar e mesmo, nalgunhas zonas,
cear, polo que cumpría prepararlle unha mesa para eles cun pouco do que fosen
comer os vivos, nomeadamente os doces.
A
cea, ao ser día de vixilia, tiña que estar formada por peixe e derivados do
leite. O máis común, como é coñecido, era o bacallau, en xeral guisado con patacas. Logo
viñan os doces, que era o máis abundante. Risco cita varios: A sopa borracha,
de pan con viño tinto, azucre ou mel e cocida no pote; as torradas, de pan mollado en leite e
fritidas con manteiga e azucre; figos pasos, noces e abelás, amais de castañas
verdes e secas, todo regado con viño con mel, mistela, augardente de herbas
etc. A estes doces xenéricos engádelle os
propios de cada zona, entre os que cita: as roscas de cazo de Allariz, a
torta de améndoa de Trives, os boleardos de Tui -Risco non debía coñecer os de
Gondomar e Camos- e as sonadas, di o autor, encomendas de Baiona. Esta denominación
das tortiñas de améndoa e azucre cunha base de oblea que fan as freiras
dominicas do convento de Baiona semella estar un pouco perdida, non así os
doces que seguimos a poder apreciar en todo o seu gorentoso sabor. Risco non
debía saber dos de Camos e Gondomar. Pola contra o turrón e o mazapán, sinala
Risco, son de introdución moderna e máis propio das cidades.
Despois
da cea íase á Misa do Galo. Nalgúns lugares lévase un galo que se fai cantar no
medio da cerimonia, noutros fanse bromas, incluso irreverentes, como botar
tinta na pía de auga bendita, coserlle ás mulleres a roupa para que logo non se
poidan separar ou queimar xofre ou outras substancias cheirentas ou que fagan
espirrar os asistentes.
O
outro elemento característico deste día son os “nadais”, denominación galega
segundo Risco, e non villancicos, propio do castelán, xa que eran cantados por
viláns en lembranza dos pastores de Belén. Risco sinala o feito de que hai moi
poucos cantares de Nadal en galego, mentres noutras partes, como Cádiz,
cántanse estrofas en galego, xa que segundo Rodrigues Lapa os villancicos
españois e portugueses terían orixe galega. Seica nos tempos de D. Dinís, co
triunfo do bucolismo na poesía, abundaban as pastorelas, serranilhas e cantigas
de vilão e xa no século XVI xurdiron as villanescas ou villancicos postos en
boca de galegos por ser considerada Galiza unha sorte de Arcadia rústica e pastoril.
Un villancico de 1641 di:
Al
son del Minho y del Mondego
bailai,
pois Deos nace já
galego,
que pouco va
de
galileo a galego
Outro
di:
Ay,
se noso Deus galego se faze
vamos
cantar á chozinha en que nace.
Ay
se a sua mai é de Compostela,
vamos
cantar a fermosa galega.
-----------------------------------
Pois
nace en Galiza á falda da serra,
galego
se face! É da nosa terra!
E
alá vai o anaco de boleardo e a copiña de Porto; agardemos que ata as vindeiras
festas do Nadal.
Sábado, 6 de xaneiro de 2018
Pois en Arbo a noiteboa deixan os dóces na mesa para " as almiñas " que veñen de noite.
ResponderEliminarAdemáis dos dóces modernos de Natal ( como din en Arbo ) tamén hai as tostadas de viño ou de leite.