São João do Souto e Capela dos Coimbras, en Braga |
Sempre
me chamaron a atención as leas, ás veces mesmo ferintes, nas que se ensarillan
eruditos e próceres locais polo lugar de nacemento de tal ou cal grande, ou non
tanto, personaxe histórico. Quizais o caso máis coñecido sexa o de Colón que
derramou litros de tinta e estragou centos de folios nun permanente debate de
difícil solución. Fronte á tese, semi-oficial,
da súa orixe xenovesa (aínda que non soubese escribir nin falar italiano),
apóñense moitas outras: catalán, sefardí, mallorquino, portugués, mesmo que se
tratase dun criptoxudeu ibicenco, ata chegar á teoría da orixe pontevedresa de
Celso García de la Riega. Esta volveu tomar forza, nos últimos anos, ao
demostrarse a inxustiza cometida co
polígrafo pontevedrés acusado de manipular os documentos e á mesma engadiuse unha
variante documentalmente exotérica que identifica o Almirante das Indias co
alporizado Pedro “Madruga”, Conde de
Caminha e señor de Soutomaior; causa na que xa non milita só Alfonso
Phillippot.
Outro
caso, menos intenso en documentos, resolto a base de estatuas, é o de Viriato a
quen lle erguen monumentos, por se acaso, en Zamora, Viseu e Guijo de Santa
Bárbara (Cáceres) e que mesmo Baiona podería reclamar unha para sí. José de
Santiago no seu Bayona. Antigua e Moderna,
descríbenos con todo detalle a valorosa acción do caudillo lusitano, isto non
está moi claro xa que de cando en vez é español (?), para salvar a Erizana das
gadoupas inmisericordes do romano invasor. Ata don Pelayo, astur para uns,
cántabro para outros, e, segundo o autor referido, con moita posibilidade de
ser natural de Baiona (daquela sería Paio) mesmo antes de esta existir como tal.
Tamén en Gondomar temos unha certa disputa xa que a dona Joana Dacuña seica se
lle ocorreu parir en Astorga, polo que o noso don Diego xa non tería tanto pedriguee
en orixe.
Viñéronme
esta cousas ao maxín andando de ruada bracarense. Baixando pola rúa Afonso
Enriquez, batín coa capela renacentista dos Coimbras que fai medianeira coa igrexa barroca
de São João do Souto. Nun lateral da fachada desta, en placa marmórea, sobre o
azul azulexo que recobre a cachotería en contraste co granito orlado, brilla a
lenda: “25 de julho de 1551. Nesta igreja
foi baptizado Francisco Sanches”. A lapidaria frase xustíficase en
base a unha certificación de bautismo que di que na referida data “... baptisei
Francisco filho de Antonio Sanches fisico e de sua molher Filipa de Sousa
padrinho o Comendador Antonio del Castilho e madrinha Maria Gonçalves molher do
Licenciado Manoel Aranha moradores na rua do Souto”. Como “bracarense” será
alcumado en ocasións.
Mais
o mesmo Francisco Sanches deixou escrito na documentación que se conserva na
Universidade de Montpellier: “natus in civitate tudensi”. Xa que logo outros engádenlle
o alcuño de “tudense”. E transportando a cuestión ás grandezas nacionais para
uns é “portugués”, mentres que para outros é “español”, poñendo a diferenza nun
“s” ou nun “z”. De seguro que a quen non lle preocupaba moito o asunto era ao propio personaxe, pois o alcume co que se lle
coñece na historia da filosofía é o de “escéptico” e por iso formulador da “dúbida
metódica” que engrandeceu a Descartes.
Pero
tamén Francia reclama a súa cota por criarse dende novo, formarse e desenvolver
a súa obra docente, filosófica e a práctica médica (Bordeus, Montpellier e
Toulouse) e por figurar na súa partida de defunción como François Chance e
mesmo porque na súa obra máis difundida Quod nihil scitur (Que nada se sabe, 1580) considérase francés. Por suposto que tamén
o reclama para si Israel, por ser el de familia xudía, o que non impediu que o
bautizasen como dixemos. Estes ires e vires de Francisco Sanches terían máis que
ver co seu carácter marrano que co
carácter apátrida que non lle debía preocupar moito con tal de fuxir da
persecución que no seu tempo era grande en Portugal, e que dicir da Castela que
os expulsara. Na altura moitos xudeus portugueses establecéranse ben nos Países
Baixos (a familia de Spinoza) ou na área de Bordeus como a de Sanches quen, no
seu momento, terá que marchar de Montpellier, onde se formaba e exercía, para
Toulousse.
Seguramente
as diatribas sobre as orixes colombinas teñan moito que ver coas do filósofo
Sanches, Sánchez ou Chance e con que “E em toda a desgraça milenar en que vivem
os judeus, tiveram até agora um único consolo que foi não possuir uma tal pátria. Se alguma vez houver uma História
justa, então será reconhecido o mérito aos judeus por terem tido o bom senso de
não possuir uma “pátria” numa época em que todo o mundo se entregava à loucura
patriótica.” (Joseph Roth, Judeus
errantes, p. 45)
Luns, 17 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario