domingo, abril 30, 2017

Instigar os cans

Nos debates entre xentes reflexivas acostúmanse escoitar, con frecuencia, dúas afirmacións contraditorias, ámbalas dúas tan  útiles como manipulábeis. Unha, parafraseada, reitera que a historia non se repite máis que dúas veces, segundo Hegel, seica; ao que Marx lle engadiu: unha como traxedia e outra como farsa. A segunda, de paternidade discutida, estas frases son necesariamente patruciais, que os pobos que non coñecen a súa historia tenden a repetila, enténdase que o problema está cando as cousas se fan mal, isto é tenden a repetir os erros, ou, o que é peor, as barbaridades. Isto acontece con infortunada frecuencia.

Paréceme que poucas razóns temos para ser optimistas. O pánico polo cabreo do Oriente Medio (encirrado pola irresponsabilidade, como vimos onte, dos que desexan converter o que é unha disputa colonial polos recursos enerxéticos nunha atávica guerra de relixións que sempre gañaron os bos dende a reconquista española, as gloriosas cruzadas ou a  recuada do imperio otomán) prendeu con éxito nos sectores máis conservadores das sociedades europeas, esténdese entre as clases medias deterioradas e limitadas no seu consumismo e irrita os que entenden os refuxiados e inmigrantes como competencia desleal por salarios de miseria e non como man de obra barata.

A campaña das presidenciais galas andou onte por estas reviravoltas manipuladoras da historia. Mentres o desexado polo mundo financeiro  e empresarial, os partidos tradicionais e as clases medias depauperadas, Macron, visitou  a vila mártir de Oradour-sur-Glane onde as Waffen SS fixeron outra das súas miles de animaladas e na mesma non desaproveitou o tempo para marcar o fío que une a Sra. Le Pen coa OAS que argallara o asasinato do xeneral De Gaulle e que o público coñece a través de Chacal, a novela de Frederick Forsyth. Ese mesmo día o FN da Sra. Le Pen tivo que cesar o  seu presidente interino que había tres días que asumira esa responsabilidade, polas duras e verosímiles acusacións de “negacionismo” aireadas polo diario católico La Croix.

Non son tempos doados para o optimismo. Tampouco para confundirse de inimigo. Os soños de que os problemas se resolven se non hai inmigrantes, nin refuxiados, nin tendas dos chineses, que o final todo volverá a ser como nos tempo dos “ soares” e dos negocios, que as clases medias poderán saír cos carriños da compra ata os topes e regresar ás viaxes polo mundo, que os  “yihadistas”  vainos controlar a ira divina de Trump e que ben nos merecemos a tranquilidade na vella Europa... non son máis que ilusións, soños.

Joseph Roth, do que xa falei hai uns días, escribiu, en 1937, un posfacio á segunda edición ao seu Judeus errantes (1927), que nunca chegou a publicarse. Copio: “Mas havia muitos judeus alemães (....) que não só imaginavam que sem a afluência dos judeus orientais correria tudo sobre rodas, como até instigavam os lacaios plebeus contra o estrangeiro desamparado, como quem instiga os cães contra os vagabundos. Mas quando o lacaio chegou ao poder, o porteiro ocupou a “casa senhorial” e todos os cães de  guarda se soltaram, o  judeu alemão reparou que perdera a  pátria e ficara desprotegido...

As urnas cargas o demo, sobre todo cando só nos dan a elixir entre a falsa vella realidade e esa mesma velleira tristeza cargada de bombo patrioteiro.


Sábado, 30 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario