xoves, abril 06, 2017

Teoría do palco

Os palcos sempre foron lugares con atractivo. Dependendo das categorías de palco e sempre que non se confunda co vergoñento poleiro. Hai xente que se “pirra” por subir a un palco, sexa do que sexa ou, sexa polo que sexa. Mesmo hai xente que se converteu en subidor profesional de palcos. Viven diso, de subir aos palcos.

Despois xa irán facendo sitio. Non é o mesmo estar nunha esquina que no centro. A posición é importante. Pero primeiro é subir, logo irse colocando; a poder ser á dereita do máis importante, ata que un se poida converter no “máis importante”. Coa posición hai que ter coidado, polo da foto. Este tipo de palcos son os populares; isto é, os de “pueblo”, ao que sempre se pode subir algunha vez na vida, por gañar nos bolos celtas, por partir unha perna ou por ser alcalde. Nos últimos anos os vellos palcos teñen que compartir protagonismo coas non menos populares “alcachofas” .

Mais hai outros palcos, os selectos. Nestes hai pouca xente e son máis ben para disimular. É dicir, fas que vas a unha cousa pero é para outra. Antes, por exemplo, podíase ir escoitar un concerto, unha ópera, unha “zarzuela” ou ver unha obra de teatro. Era a desculpa, na realidade íase para que o visen a un, ver a outro ou  falar con aquel sobre asuntos importantes (negocios ou poder político, ou as dúas cousas). Estes palcos foron desaparecendo.

Os de agora son no fútbol. Cómodos, quentiños, con calefacción, con “catering” no descanso, televisión para ver a repetición dos goles, o xogo non se atende moito, e enormes ventás para ver ben, que te vexan mellor, e non mollarse. Seica é aí onde está o poder.  Cando menos segundo Piqué. O polémico, nos medios de comunicación da capital de España, defensor do Barcelona dixo, sen cortarse un pelo: “no palco do Bernabeu, con Florentino Pérez séntanse os que manexan os fíos deste país”, e non quedou aí, senón que concretou nunha tal Marta Silva, avogada do estado, que seica tivo que ver coa imputación fiscal dos seus compañeiros Messi e Neymar. A estas verbas, non é que lle respondese, senón que lle puntualizou o central do Real Madrid: “en todos os palcos se moven fíos”. A cousa debe ser bastante así. Mesmo seica algún  acordo entre forzas políticas de esquerda e galegas se tomou nun palco, pero non crean vostedes que foi no de Balaídos, senón no do Real Madrid.

Ollo, que os visitantes de palcos selectos teñen que andar con tino. Non sexa que lle pase o de aquel Ministro da Guerra francés, Maurice Berteaux, quen, estando no palco presidencial dunha exhibición de aeroplanos, aló polo 1911, é dicir, no inicio da aviación humana, ao remate do lucimento das grandes estrelas deportivas, e económicas, do momento, un dos aparellos perdeu impulso, bandeou e foi esnafrar contra o palco. O aparato voador esmagou o flamante ministro, que  faleceu pouco despois,  e partiulle as pernas  ao seu xefe, o presidente do Consello de Ministros, Ernest Monisy. Cóntanolo Abad Gallego no seu Mais días negros.

Non vaia ser que un punteirolo mal dado cause un estrago.

Xoves, seis de abril de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario