Anda
a afiliación do partido socialista esfollando a margarida para ver se despois
do “S” vai nome ou apelido. Seica nuns días comezan as arcabuzadas que
estiveron preparando durante estes meses. Os máis tráxicos falan de ruptura, de
desfeita, de cento trinta anos de historia esborrallados...
Tampouco
é tanta novidade. Nos anos da II República e da Guerra de España a división
entre prietistas e largocaballeristas (non tiñan nada que ver con Vigo) foi
tensa, e moito, ao tempo que moitas persoas o abandonaban para incorporarse a
un emerxente Partido Comunista. Durante a ditadura o partido ficou na casa e
sobreviviu no exilio. Cando os vascos llo entregaron aos sevillanos volveuse
partir e durante algún tempo houbo un PSOE-H que comandaba Rodolfo Llopis,
discrepancias que resolveu a favor dos daquela chamados renovadores a
Internacional Socialista presidida por Willy Brandt. Logo, iso si, os
anovadores foron quen de ir laminando, unha tras outra, todas as tentativas da
ala esquerda do partido ao tempo que ían dobrándolle o pulso aos que pretendían
un proxecto autónomo nas nacións do Estado. E os de sempre elixírono para representar a esquerda con
moitos votos novos e outros que tiñan memoria do pasado.
E
tampouco é para tanto se o comparamos co que lle pasou a outros (PASOK) ou lle
está a pasar (PSF) e os que seguiron o camiño extraviado encetado por Clinton,
Blair e Schröder que nin detiveron a especulación financeira e inmobiliaria nin
cortaron o endebedamento desbocado auspiciado polo neoliberalismo do
capitalismo popular (Thatcher) ou de todos podemos ser ricos (Solchaga).
As
estratexias están presentadas. Susana Díaz quere representar o PSOE de sempre;
Pedro Sánchez pretende ser a voz da afiliación ofendida polo social-liberalismo
extremo e Patxi López quere presentarse como o que pode remendar as costuras.
Sexa
quen sexa ou sexa o que sexa, a crise do PSOE é o que mellor representa a fin
do ciclo longo que podemos chamar “réxime do 78”.
Martes,
18 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario