Cada
quen expresa as alegrías ao seu xeito. No botellón, con cervexas,animando o seu
equipo ou bailando a sardana. Algúns fano investindo en bolsa. Ao saberse do
pase de Macron á segunda volta o Ibex
subiu máis do 3%, a bolsa parisiense avanzou un 3,87%, o Dax alemán gañou un
2,16%, o FTSE británico, sobre un 1%, o
mesmo que Wall Street.
Saíulles
ben o farol. Apostaron por fóra dos grandes partidos desacreditados. Macron era
o tapado das elites aínda que iso supuxese poñer na picota o candidato de “Les
Républicains”, herdeiro da UMP, e sobre todo desfacer definitivamente o PSF mitterrandiano; Benoît
Hamon non chegou ao 7% dos votos.
A aposta das elites
políticas e económicas francesas e dos seus correlatos na Unión Europea era Macron
, agora xa poden presentalo como a resposta democrática, isto é, europeísta,
sensata, moderna, actual, racional, centrada, de consenso... ante a irracional,
retrógrada, antimoderna, pailana,
costumista... Le Pen. Gañaron a primeira man.
Mais
a cidadanía francesa semella tan convulsa e indecisa como moitas outras dos
estados da UE. Por primeira vez a disputa estivo entre catro, non entre dous
como induciron os medios na campaña previa e como interpretaron os resultados.
Lembremos Macron (23,86%), Le Pen (21,43), Fillon (19,94), Mélenchon (19, 62),
Hamon (6,4).
Os
medios xa divulgan “urbi et orbi” o apoio de Fillon e Hamon a Macron e agardan
unha vitoria deste por máis do 60%. O conto da leiteira. E aínda que fose así,
cunha posíbel e substancial caída da participación, un corenta por cen estaría
apoiando a Le Pen, porcentaxe na que se expresaría tanto a dereita extrema como
a Francia máis conservadora e moitos das persoas cabreadas cun sistema que
basea a súa desorbitada acumulación na depauperación das clases medias e
traballadoras e na marxinación de inxentes reservas de man de obra.
Queda
pois a segunda man no “ballottage” do sete de maio. E, en especial, as
lexislativas do 11 e do 18 de xuño. Daquela veremos cal é a reacción dos
aparatos dos dous partidos tradicionais e a capacidade de Macron para conformar
unha maioría que lle permita gobernar cunha mínima comodidade. Non lle vai ser
doado.
Pola
volta do verán celebraranse as lexislativas en Alemaña (24 de setembro).
Daquela veremos como queda a política central europea.
Martes,
25 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario