sábado, abril 22, 2017

Agardando por Francia

O mundo, en especial o espazo da Unión Europea, está pendente do domingo francés. Polo de agora semella que serán as primeiras presidenciais nas que catro dos candidatos poden chegar a segunda volta,  por riba cunha proximidade, nas enquisas,  que impiden facer un prognostico que vaia máis alá de intuición do adiviño. Pola contra está claro o gran perdedor. Non só o candidato Hammon senón o Partido Socialista Francés.

O partido que comandado, dende 1971, por François Mitterrand se converteu na alternativa de esquerda en substitución do Partido Comunista Francés. Dende a morte de Miterrand, presidiu a V República durante dous septenatos (1981-1995), o PSF non volveu ostentar a presidencia ata a vitoria, en 2012, de Hollande. A gran herdanza que deixa parece clara, o afundimento do seu partido.

Dende o Eliseo á insignificancia. Ao candidato oficial do PSF as enquisas non lle dan máis alá do oito por cento, uns tres millóns de votos que contrastan cos dez millóns (na primeira volta) de Hollande. Unha sangría semellante á do PASOK e moito máis intensa que a do PSOE.

As causas son comúns á socialdemocracia europea, extraviada, por abandono do seus presupostos ideolóxicos dende a Terceira Vía de Blair, Schröeder e Clinton, ficou descomposta polo rebumbio da crise de 2008. Presa do discurso hexemónico da dereita non foi quen de poñerlle freo ás propostas do fundamentalismo tatcheriano, de actuar de contrapeso, de propoñer alternativas, nin de defender as vítimas da crise.

Por riba aos seus dirixentes treméronlle as pernas cando tiveron que tomar decisións. Zapatero converteuse definitivamente en “zapatitos” en maio de 2010 e a maior achega de Hollande, ademais dos seus ires e vires de cama en cama, foi copiar a reforma laboral de Mariano Rajoy, provocar as grandes mobilizacións populares, o descrédito do presidente e a desfeita do PSF. Hollande renunciou á candidatura; nas primarias Hammon gañou a Valls, algo así como que Sánchez lle gañase a Díaz.

Os sete millóns de votantes da primeira volta de hai cinco anos andan á procura de acubillo. Uns camiñarán cara ao centro-dereita de Macron e outros cara á esquerda de Mélenchon. O mellor exemplo da desfeita é que tanto un como o outro proceden do PSF.

Xoves, 20 de abril de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario