martes, abril 25, 2017

De súpeto, dous pesadelos.

Hai días que é mellor non ler os xornais. Os pasados pesadelos, as angustias doutros tempos, reverdecen. Pasoume coa defunción, deus o leve, dun tal Utrera Molina, falanxista e franquista, ministro con Carrero Blanco e Arias Navarro, conselleiro da Fundación Francisco Franco, reclamado pola xuíz arxentina María Servini, instrutora da causa penal contra o franquismo e que ditou orde de extradición contra este personaxe, desobedecida pola Audiencia Nacional, por validar coa súa sinatura a sentenza de morte do mozo  Salvador Puig Antich.

Vexo no xornal os cánticos fascistas á saída do cadaleito do sogro de Alberto Ruíz Gallardón. No seu momento, ao pai deste  último, home liberal, conservador, monárquico de “don Juan”, deputado de Alianza Popular, un xornalista preguntoulle sobre se non era moi de dereitas o partido ao que se afiliara tendo en conta a súa orixe na oposición “juanista” ao franquismo. Don José María, así se chamaba,  respondeulle que se quería coñecer a alguén de dereitas falase co seu fillo. O que son as cousas, o fillo despois andou a xogar a “moderno”  mentres mantivo o pulso coa agora dimisionaria portavoz do PP no concello de Madrid, pero en canto chegou ao Ministerio de Xustiza pretendeu revisar o paquete de leis aprobadas durante o primeiro mandato de Zapatero. Ata que dimitiu ao día seguinte de que Mariano Rajoy anunciase que o PP non apoiaría a súa proposta de lei do aborto. As elites son endogámicas tamén para reproducirse.

Escoitar aquel canto reviroume o alento e trasladoume á miña escola, o “Grupo Escolar Calvo Sotelo”. Vinme alí, apoucado, cantándoo,  marcialmente, tanto ao izar bandeira como ao arriala. Alí, fronte por fronte coa palmeira que lle daba verde ao patio interior e da que un mestre enfurruñado cortaba unha ramiña que con moito tino transmutaba en maleable vara que metía medo só co seu zunido antes de chegar as canelas descubertas da rapazada. Á sombra innecesaria da árbore tropical púñase a Sra. Carme para quentarnos unhas enormes potadas de leite que preparaba mesturando auga cuns pos amarelentos que viñan en enormes sacos que lucían un enorme gravado que dicía: USA. Eran os refugallos do Plan Marshall que chegaban a España do Franco admitido no club occidental.

O outro non era tan agoniante pero retrotraeume tamén ao ano no que fusilaron a Puig Antich. Tarde morriñenta en Compostela. Alguén que pensa estudar Psicoloxía e de feito está matriculado nunha facultade acabada de nacer, a de Filosofía e Ciencias de Educación, mira o cartel anunciador, gardado dentro dunha caixa de madeira e protexido por un cristal colgado na columna central, das tres que separan a rúa do recibidor onde se  tiran as entradas e se colocan os fotogramas das novas película que van pasar.

Naquela columna, entre o A e o G da palabra Yago, na rúa do Vilar, facíase publicidade do filme desa tarde. Analía Gadé, Francisco Rabal, Espartaco Santoni; temática manicomio, enfermidade mental; director Rafael Moreno Alba. Decidímonos a entrar.

A sala practicamente  baleira. Comeza a proxección: século XIX, vixiante brután, ducias de enfermas de melancolía, monxas a castigar e psiquiatra comprensivo con certo ar freudiano e rebelde e de súpeto escenas de castigos con auga que deixaban os corpos femininos nús, de lesbianismo, de violacións... e un aire confuso percíbese no silencio profundo da sala. Ao remate da proxección os espectadores, moi escasos, saímos en silencio.

Primeiro intento racionalista. É un globo sonda do réxime para ver a rección do público e do  búnker? Parece excesivo para un experimento? Ten que ter unha explicación? A nova espállase polas “tazas” do Franco, no Ourense e no 42. A xente tómao con rexouba e na sesión da noite o cine está cheo e nos días seguintes, poucos, dous ou tres, ata que se corrixiu o erro. A copia era para o mercado exterior. Soubemos así da “doble versión” que exemplificaba a dupla moral das elites.

Lembreime ao ler un recordatorio nun xornal dixital. Esaxeracións propias de todo recordatorio “epatante”: a “conservadora Compostela” era na realidade unha cidade cun evidente predominio universitario que pouco tiñan xa, maioritariamente, de conservadores (no senso de partidarios do réxime); que a copia fose para Santiago de Chile e non para a nosa capital estráñame moito en especial porque daquela a cidade austral estaba xa baixo o réxime de terror de Pinochet, o golpe de estado foi o 12 de setembro de 1973; que chegaban autobuses das cidades galegas, paréceme outra esaxeración, cando menos da que non tiven noticia; que o cine “petouse”, certo pero co estudantado compostelá chegáballe. O que máis transcendencia tivo foi a rexouba con  iso de que o réxime comezaba a perder o control.

Uns meses despois demostrounos que non estaba disposto nin a perdelo, nin  a ser “brando” como cando o proceso de Burgos. O dous de marzo de 1974, fusilaban a Puig Antich. Alí estaba a sinatura de Utrera Molina. Unha parte do estudantado compostelán interrompeu durante os días do proceso o desenvolvemento da cidade, con cortes de tráfico (“saltos”) e duros enfrontamentos coa policía. 

Por certo, para as persoas interesadas, o filme titulábase “Las  melancólicas”.

Mércores 26 de abril de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario