domingo, abril 30, 2017

Para heroes nós

Leo unha ampla recensión sobre a charla que deu un señor en Vigo , parece que a fin de presentar un libro. O autor preside unha entidade eclesiástica que realiza cada dous anos un informe sobre as liberdades relixiosas no mundo. A última entrega foi o pasado ano. Del seica se deduce que o cristianismo é non só a relixión maioritaria no mundo senón tamén a máis perseguida.

Segundo os seus cálculos entre sete e dez mil cristiáns son asasinados ao ano, deles entre dous e tres mil en Nixeria polas tropas do Boko Haram, que seica se debería traducir como “o pretensioso é anatema” e non como aparece nalgúns lugares como “a educación occidental é pecado”.

Segundo o relator seis de cada dez persoas viven en países onde non se respecta a liberdade relixiosa e apuntou como principal causa de persecución ao islam radical que identificou co Dáesh ou Daish, ao que dedicou gran parte do tempo da súa charla. Mais tamén puntualizou que contra o que puideramos pensar o comunismo non desapareceu senón que a persecución relixiosa segue a darse en China e en especial en Corea do Norte, e como terceiro foco de persecución apuntou o hinduísmo.

A medida que ía lendo o resumo xornalístico da charla íame asustando. Non só polos terribles datos que daba sobre a persecución relixiosa senón  porque me ía decatando de que o relator só entende como persecución a que padecen as persoas cristiáns por unha simple razón, a que dicía un veciño da miña aldea: “eu non creo en deus pero o noso é o verdadeiro”. É dicir que os que non pensan coma nós perséguennos por non pensar como debemos pensar.

Da análise internacional camiñou cara ao  particular e, segundo o informe, en España agrávanse tamén os incidentes intolerantes entre os que sinalou queima de portas de igrexas, as manifestacións de mulleres Femen, retirada de símbolos relixiosos en colexios e concellos, burlas cara a símbolos relixiosos, carteis e xornais contra as procesións de semana santa, burlas contra os bispos... Acusou desa intolerancia os partidos da esquerda, citou polo seu nome a PSOE, Bildu, Compromís, as Mareas galegas e as distintas marcas de Podemos. Rematou dicindo que isto pode empeorar co tempo e que só o poden evitar os xuíces.

Rematei esgotado de tanto heroísmo e preocupado por un relato que noutros tempos e noutros lugares provocou moita dor e sufrimento. Xogar a meterlle medo á  xente é unha insensatez impropia de quen pode dirixirse ao publico dende calquera caste de tribuna.

Venres, 28 de abril de 2017






Ningún comentario:

Publicar un comentario