domingo, abril 16, 2017

Mediterráneo

O domingo 23 saberemos algo máis sobre o futuro de Europa. Seguramente teremos que agardar ata o sete de maio para confirmar a perspectiva que en calquera caso indica que a Europa posterior ás presidenciais francesas pode mudar en sustancia e que a creba entre a Europa Mediterránea e a Central se converta, ou non, nun cavorco insalvábel.

O Mediterráneo foi o escenario e o centro do mitin pola paz que pronunciou Jean-Luc Mélenchon no ateigado porto de Marsella portando unha rama de oliveira “L´arbre de la  Méditerranée. L´olivier de la paix” e que reflectiu a concentración do voto da esquerda arredor da súa candidatura en prexuízo do cada vez máis debilitado candidato do PS (Hamon 9%) que nin os seus apoian ao optar abertamente polo socio-liberal, candidato de Bruxelas, Macron (24%), o preferido para enfrontarse a Marine Le Pen (24%) na segunda volta. Co incombustíbel Fillon (17%) case descartado por méritos propios e cambadelas alleas xorde con forza a alternativa da esquerda agrupada baixo o rótulo de “La France insoumise” e o liderado de Mélenchon (18%).

Nous voici, nous voici!” comezou Mélenchon e  afirmou “A nous de dire que  l’émigration est toujours un exil forcé”.

Situado dende moi novo no esquerdismo estudantil desenvolveu despois unha intensa carreira como xornalista, profesor e político na esquerda do PS refundado por Mitterrand ata chegar a viceministro con Jack Lang no goberno de cohabitación presidido por Lionel Jospin, con Chirac na presidencia. En febreiro de 2009, funda o “Parti de gauche” que é o xermolo do movemento actual en dialogo co PCF, os verdes, socialistas de esquerda, trotskistas e outros grupos.

O devir vital das persoas, nalgunha ocasións, vai creando un pouso nas súas posicións ideolóxicas, sociais e políticas. Claro, cando non se trata dunha fraude. Por iso me chamou a atención non tanto o personaxe, do que demos uns trazos máis arriba, senón a persoa. Mélenchon naceu en 1951 en Tánxer (Marrocos), na zona internacional, daquela, onde os seus pais traballaban, el como empregado de correos , ela como institutriz, ambos naceran, franceses, en Alxeria. O seu avó era de Murcia, Antonio Melenchón, que a comezos do século pasado estableceuse en  Orán, na Alxeria, daquela francesa, e casou con Aimée Canicio tamén de orixe española. O seu avó materno, François Bayonna, naceu preto de Valencia e casou cunha italiana de Sicilia. Non é estraño pois que o candidato se referise o outro día a ese fío vermello que atravesa o Mediterráneo dende unha costa a outra.

Teño a impresión que Mélenchon ten máis posibilidades de coutar a Le Pen, nunha segunda volta, que o representante dos interese de Bruxelas, como no seu momento tiven a impresión de que Bernie Sanders podería gañarlle unhas presidenciais a un Trump gañador ante a representante das dinastías imperiais.

   Máis a impresión non é a realidade, só un móbil reflexo en augas axitadas.


Sábado, 15 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario