Houbo
un tempo no que un extravertido, accesíbel , “campechano” e sobre todo popular
presidente deputacional empregaba un retrouso despectivo, insinuado no título
deste post, con quen non fose do seu partido, acompañándoo do son “charanguero”
dun trombón de varas. Sabía o que facía. Estaba a crear comunidade. Unha
comunidade fundada no nacionalismo conservador español de esencia galaica con
el como xefe da parroquia. Nesta súa acritude contra os opositores mesmo chegou
a confundir algúns dos cofregueses da oposición.
Para
a supervivencia de calquera comunidade prepolítica ou preestatal, a conciencia de pertenza á mesma, o fortalecemento
dos lazos do que Tönnies denomina “comunidade de sangue, lugar, pensamento,
parentesco, veciñanza e amizade”, que o
sociólogo alemán consideraba “a forma de comunidade verdadeiramente
humana e suprema”, son cruciais. Cando esta, a comunidade, se sente ameazada
recorre ao orgullo como catalizador da
unidade comunal en risco de creba. É o
que anda a facer nestes seus días tormentosos o presidente Rajoy. Non botou man
do trombón, supoño que polo seu natural ánimo insulso.
Un
recurso similar, só que máis moderno, no senso banal do termo, isto é “ guai”,
empregou a raíña consorte cando lle enviou, hai algún tempo, unha mensaxe de
móbil a un colega, agora caído en desgraza definitiva, e que, supoño, que con
tal motivo se fixo pública. Despois de expresarlle a súa confianza de amizade,
veciñanza e fraternidade indícalle o recurso ao orgullo comunitario: “Lo demás,
merde”, dille. E remata con “Un beso compi yogui (miss you)” que achega a nosa
primeira dama ao trombón “charanguero” do ex presidente deputacional.
Quixo
a deusa fortuna que estas dúas novas, a de Rajoy e a raíña consorte (a do
trombón tróuxena eu polos pelos), ocupasen a mesma folla dun xornal que outra
referida ao xuramento de sangue que se tomou a si mesmo o goberno catalán.
Unha
por unha as persoas que integran o executivo asinaron con pompa e boato o
manifesto no que se comprometen a “organizar, convocar e celebrar un
referendo”. Son 190 as persoas asinantes
do compromiso do seu futuro; supoño que non desexan un castigo tan
personalizado como o de Mas, Homs, Rigau e Ortega. Tamén neste caso tratan de
crear unha comunidade “humana e suprema” como diría Ferdinand Tönies.
Só
apuntar unha sutil diferenza nestes recursos á comunidade, ou se queren ao
nacionalismo. O duns é o nacionalismo exercido dende a instancia política do
estado e, desculpen a maledicencia, dende intereses particulares inconfesables.
O outro dende alguén que pensa que unha nación pode e debe dotarse do seu
propio estado para que o nacionalismo deixe de ser necesario.
Ao
final, lembra Beramendi, ou polo menos así o puxeron, no mesmo xornal: “Nesta
península bendita, o nacionalismo que máis mortes produciu na historia, con
moita diferenza, foi o nacionalismo español”. Estou seguro de que ao profesor
Beramendi non gusta nada destas malfadadas contas; pero ás veces cómpre lembralas.
Venres,21 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario