domingo, abril 09, 2017

Declaracións de guerra

Un humorista, nun xornal francés do terríbel agosto de 1914, chanceábase do kaiser Guillerme dicindo que despois de tantas declaracións de guerra ficara sen papel para enviar máis misivas bélicas. Naquela altura todo un aquel de formalidade. O kaiser comunicaba á embaixada que estaban en guerra.

No día de onte houbo dúas declaracións de guerra ben diferentes. E escusen as máis que hipotéticas persoas lectoras que as mesture, pois pode semellar un despropósito. Pois a primeira é unha tráxica declaración, mentres que a segunda non pasa dos cómicos acenos de bufóns.

O caso é que o novo presidente norteamericano entra en guerra aos poucos meses de asumir o mando como comandante en xefe. Algúns incautos ségueno a tomar de chacota e outros a rirlle as entroidadas.No canto de de escribir unha carta chimpoulles 59 Tomahawk contra unhas instalacións militares do goberno de Bashar al-Ásad. Por certo, os destrutores desde onde se lanzaron os mísiles teñen a súa base en Rota.

Supoño que o oligarca de Washington  advertiría con anterioridade ao ex-xefe do KGB da agresión contra o seu aliado, e supoño que ao señor do Kremlin non lle agradaría moito a botaporelada do norteamericano que na verdade enviaba os petardos, con 450 quilos de explosivos cada un, por inimigo interposto. A que quería ameazar era ao ruso e ao chino que tiña de convidado na casa.

Cómica é a declaración dun tal Mouriño que abre as páxinas do xornal local: “Nos echan de Vigo y no hay retorno”. Non se entende moi ben. Se o botan como vai haber retorno. Volvería se  quixese; e entón non o botarían. En fin, un esperpento económico aproveitándose dos sentimentos futboleiros de moita xente que segue sen decatarse de que hai tempo que o fútbol deixou de ser un deporte para converterse nun espectáculo e, polo tanto, os seareiros mudaron en clientes.

Sábado 8 de abril de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario