venres, abril 28, 2017

De tapas con Casares

Foto Joaquín/Libraida
Nun pequeno espazo da vila de Gondomar xuntáronse, por agregación, unha serie de pequenas faíscas de lembranza do veciño miñorán que o fan  presente en moitos momentos da vida cotiá da veciñanza. Onte foi unha charamusca máis nesa acordanza.

Hai ben anos mantiveramos co escritor unha especie de “tertulia”, coa particularidade de emitirse pola, hai anos infelizmente desaparecida, radio municipal de Nigrán, na que ademais de literatura, de cultura ou de política falamos do que a el lle gustaba máis, a vida e as historias de vida.

Nese repaso reflexionou sobre aquelas persoas coma el, ou coma  min, que non temos un territorio estable de vida. Nacera en Ourense, medrara en Xinzo con longas tempadas en Beiro ou Sabucedo, logo o seminario, Santiago de estudante, anos en Cangas e outros lugares, lembrounos que no sitio onde máis tempo viviu, daquela dicía 18 anos (debeu ser no verán do ano 2000), fora no Val e que elixira o sitio porque lle gustara. E entre Vilariño, Panxón, Baiona, A Ramallosa e Gondomar transcorreron moitas horas daquelas dúas décadas, en especial nos descansos do verán.

Ese recordo gondomarés encetou pouco despois da súa morte cando o pleno do concello acordou denominar  o paseo que bordea o parque da Coelleira co seu nome. Así que senllas placas, unha no inicio, mesmo fronte á casa do concello, e outra no remate, pouco antes do vello matadoiro, inmerecidamente abandonado, lémbrannos que aquel paseo se chama Carlos Casares. As primeiras placas foron substituídas por outras de bronce deseñadas por Alfonso Soliño. Autor tamén da peza escultórica en madeira, aceiro cortén e pedra,  inspirada na Galiña Azul casariana que se instalou no espazo central dun pequeno xardín á beira do paseo, moi pretiño da libraría de Aida, outro espazo que, sen ter relación directa con Casares,está  absolutamente unido a quen non só foi escritor senón tamén, e durante moitos anos, editor.

O paso do tempo fixo que a cafetería que dá a ese xardín chegase a ser xestionada por César González quen recolleu a simboloxía da galiña para incorporala ao seu novo proxecto que denominou “A Galiña do Ardora”, popularmente denominada xa “A Galiña”.

   Hoxe, pois, por iniciativa destes dous establecementos, a libraría e a cafetería, fomos de tapas con Casares. A cousa comezou cunha brillante e didáctica reflexión sobre a derradeira novela de Casares O sol do verán a cargo de  Rocío Vieites que tivo lugar no local da libraría. Despois achegámonos á cafetería para, entre lecturas de Á Marxe, a popular tiriña de Casares na Voz, referidas ao Miñor, degustar a tapa “o sol do verán” que consistía nun ovo fritido sobre un molde, cunha cuberta e outras cousas ricas entremeadas. Unha xornada, estou seguro,  que sería do agrado de Casares como o foi de moitas das súas amizades que alí nos reunimos.

A iniciativa vaise prolongar durante todo o ano; será o último xoves de cada mes: un libro e dez textos de Á Marxe. O escritor entrou no cotián das xentes de Gondomar. O seu maior éxito.


Xoves, 27 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario