Alonso
Montero, prendendo un chisco no “r”, despide os seus parrafeos de coidada oratoria
con esta fermosa expresión primaveral. De seguro que a xente máis nova xa non
entende moi ben o que quere dicir cando fala do ben estar físico e da sollosa
ledicia do abrollar das árbores e plantas todas.
A
fermosa amarela, e invasora, vai murchando, aos poucos, mentres polos pés as brancas
uces, as malvas carrascas, a purpúrea torga ou noutros dicires o breixo, a
queiroga, o carrasco ou a urce, emerxen con vitalidade telúrica en contraste co
emerxente amarelo da chorima, flor da toxeira.
Hoxe no paseo, entre floriñas brancas e pole amarelo
revoando, un duelo a morte entre os verdes nacentes das árbores da ribeira.
Dúas pegas rabilongas, ennegrecidas de corvo vergoñento, atacaban con xenreira
feroz unha inmigrante rola turca,
pequeneira en comparanza, para ollo inexperto, coa pomba, coa que se pode
confundir. Falo por boca de amigo sabido.
Corveos intensos, rápidos, entretecidos con asubíos e
trilos, anuncian a batalla. O atemorizado tu-tuu-tu repetido, agónico como
alarma, eseoese dramático, defensa ante a agresión.
De súpeto un merlo macho, negro, ataca, inesperado, polo
flanco, enfiando o amarelo peteiro contra unha das rabudas. A batalla estoura
no cume do salgueiro. Axitados urros córvidos; rrur-rrur medorentos; srii-srii
alarmantes. O berro humano entra no alado combate e as pegas foxen.
O turr- turr, serénase. O pouk-pouk tórnase melodioso.
O melriño canta, defendeu a niñada. A primavera chegou.
Saudiña.
Luns, 3 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario