Unha
das chanzas máis reiteradas nos ámbitos político-culturais de nós son as
referidas ao partido nacionalista de esquerdas que máis ex-militantes ten. Mesmo
hai algúns que chegaron a este grao sen pasar polo previo.
Dáme
a impresión de que non é fenómeno exclusivo do nacionalismo galego senón máis
ben característica xeral dos partidos da esquerda sempre que non cheguen a
exercer excesivo poder. De ser este o caso,
é xeral o apego, como lapas, á representación legal (aparato) e excepcional a
actitude das persoas que optan por manter os seus pensares ante as reviravoltas
dos sempre superviventes aparatos. Estes remexidos son aínda menos frecuentes
nos eternos exercentes do poder en España e, por delegación, en Galicia, que
teñen como función única a de lapa.
Sen
embargo é ben certo o gusto especial no ámbito político do galeguismo pola
disputa fratricida (podemos relembralo
no caso das Irmandades agora que andamos de celebración secular ) e se o
sazonamos cunhas cantas doses de procura das contradicións secundarias
escollidas a gusto do consumidor en carta ben extensa subministrada polas
esquerdas de hai un século, pois temos leas a cada pouco. Diso sabe ben Xosé
González, cando era Pepiño de Teis.
Moitos
dos activos expurgados ou fugados abandonaron o activismo político ou cultural
e dedicáronse, exercendo a súa inalienable liberdade, aos seus asuntos
laborais, persoais ou familiares. E ao mellor fixeron ben, e foron, son,
felices. Outros, non moitos, mesmo, inalienablemente tamén, viraron as ideas.
Alá eles.
Non
foi este o caso de Xosé González, mudado xa en Pepe de Redondela. Dende a súa
liberdade encetou unha intensa actividade político-cultural que desenvolveu sen
acougo durante case corenta anos. Un remuíño de ideas, un arma danzas excepcional
que soubo ver que a lingua galega había que defendela máis alá dos lindes que
lle acaían de seu e que o difícil pero imprescindible era labrar eidos novos. Comezou
pola galeguización da administración local e sen o seu labor non entenderiamos hoxe
o funcionar galeguizado das institucións municipais, logo argallou a defensa do
idioma propio entre a xudicatura, a sanidade, o comercio, a produción
autóctona, o empresariado... Non importaba que os avances fosen lentos en
exceso, a toupeira é inesgotable e sempre foi conseguindo mans para axudar,
moitas.
Onte
estiven na plural e diversa homenaxe que lle argallaron pola súa xubilación
laboral. Dixo que estaba matinando en crear a Irmandade dos Inspectores de
Obras, titulo, como é sabido, ben abundante nunha Galicia avellentada. Ben
sabemos que disto Pepe non se xubila.
Xosé
González é un dos imprescindibles bretchianos e sería o mellor Conselleiro de
Política Lingüística dun Goberno de Unidade Popular preciso con urxencia.
Venres, 31 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario