mércores, abril 12, 2017

O filosofo aparente

Non digo que non correse outros riscos, mesmo tan ameazantes, ou máis, que este. Mais estou seguro de que Fernando Savater nunca tivo que convencer a militantes de ETA, que portaban unha pistola no peto, de que abandonasen a loita armada, de que esta xa non tiña percorrido e que a vía política era a única. Estou seguro de que o filósofo nunca tivo que convencer a militantes de ETA, con pistolas Star 28 PK ou Sig Sauer P228 a repousar enriba da mesa, de que as mortes dos seus camaradas (noivas e noivos ou amigos de cuadrilla) non serviron para nada e de que os moitos anos de cárcere non serán máis que un triste sufrimento. Que aos gudaris mortos ningunha acción valorosa, mesmo heroica, lles devolverá a vida e que só serviría para ampliar o número de caídos na batalla ou que o estado ben forte non ía ceder na política penitenciaria, e que mesmo, se o goberno é da dereita extrema, nin sequera accedería aos beneficios propios dos presos con enfermidades crónicas e máis de dous terzos da condena cumprida.

O filosofo só pretende aparentar e escintilar coa palabra. Ás veces brilla menos que a última muxica tremelucente do rescaldo dun incendio, por fortuna, xa apagado. As palabras, por afectadas, víranse en tremenda inxustiza. Como as de Savater cando di que todo é un “paripé” e que “La moda ahora es decir que con ETA acabó Otegui acompañado de algún socialista listillo”. Para moitos a paz é unha putada, dixo Jesús Eguiguren nunha entrevista concedida hai un ano. Semella evidente que a paz non foi cousa só de Eguiguren e Otegui, pero coa mesma nitidez decatámonos de que ambos axudaron, e moito, mentres outros semellaban enfadados pola consolidación do proceso de paz e polas contundentes afirmacións do comunicado do 7 de abril de ETA afirmando que “ya es una organización desarmada” e salientando “el apoyo que este proceso ha recibido por parte de las instituciones vascas”.

Teñen o seu relato: acabamos con ETA na práctica, a violencia rematou, entregaron as armas, o goberno non negociou, nin fixo concesións. En aparencia unha vitoria, pero... non o celebran, desconfían, xa non da esquerda abertzale, senón de todos os partidos. Sinaláballo Otegui a J. Carlin nunha entrevista de hai uns días e recordaba que dende a humillación (vinganza) non se constrúe nada.

Temos aprendido de procesos semellante que o desarme non é a paz. Fican asuntos pendentes: o recoñecemento e a reparación das vítimas, a situación dos presos e fuxidos, o exercicio da memoria, a xustiza e a reconciliación. Neste estado estas cousas, represión franquista, acostuman a resolverse mal, ou mesmo a non querer resolvelas.

Mais é evidente que co esforzo duns e o embechocamento doutros a paz vai chegando ao sur de Euskal Herria e deixa libre o camiño da construción nacional como en Irlanda, Escocia ou Cataluña.


Martes, 11 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario