Almorzo
multitudinario, nós diriamos xantar, en ateigada churrascaría miñota. Ben se
sabe, e ben sabe, pataniscas, alleira, bacallau á moda da casa e posta de
vitela, xeado e café, todo regado con viño verde. Exceso evidente e dixestión
complexa.
Fronte por fronte, profesional, cauto en
palabras, amante do traballo, mediana idade. Sosegado. Interrogatorio faltón e
directo. Que pensa do goberno? Gusto deste goberno, responde riseiro, rebaixa o déficit e aumenta os
salarios e as pensión. Que máis se pode pedir nestes tempos.
Segundo
The Economist, non sospeitoso de
esquerdismo, suponse, Portugal reduciu o
déficit ata o 2,1% do PIB, a economía
portuguesa leva tres anos seguidos crecendo; en 2014 o crecemento do PIB era
negativo e o desemprego andaba no 15%; a débeda externa segue a ser moi elevada
e os Bancos seguen con problemas pero o BCE calcula que para 2019 o desemprego reducirase ata o 7% e as exportacións incrementaranse nun 6%. A
resposta á crise, cando menos en Portugal, non é austeridade, senón alentar a
demanda interna para impulsar o crecemento. A opción austericida segue a
aplicarse en Grecia e non ten síntomas de mellora.
Sigo
impertinente. Como é que o PCP e o PS poden gobernar xuntos? Porque así o quixo o Comité Central dos novos.
Dime que non é do PCP pero que a nova dirección, xente de entre corenta e cincuenta anos, non viviron en
primeira persoa o “ verão quente”,
e Jerónimo de Sousa protéxeos. Engade, segunda cuestión, a experiencia de
goberno de Antonio Costa en Lisboa. Terceira, a dirección de Catarina Martíns
no Bloco de Esquerdas, aínda que este sempre foi máis partidario de entenderse
co PS.
A
dereita apouvigada xuntouse para conservar o poder. Gañou. Contaban con catro
anos máis. Pero xurdiu a cuadratura do circulo. Os que durante corenta anos nin
se falaban, foron quen de entenderse e ademais cun terceiro parceiro e, por
riba, con dous dos tres fóra do goberno. Acordando unha a unha cada iniciativa
e seguindo coa cuadratura, reducindo o déficit e mantendo salarios e pensións.
Non
sei eu se hai alguén entre nós mirando para o sur. O de aquí á beira.
Mércores, 5 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario