xoves, abril 06, 2017

Máis sobre a vinganza

Cóntanos Abad Gallego, no seu Máis días negros (IEV, 2017), que o pelotón de fusilamento que lle tirou a vida ao mozo nacido en Vincios, aínda que dende cativo residía coa nai no Peniche vigués, José Luís Sánchez-Bravo Solla, estaba formado por dez policías armados presentados voluntarios para a execución. Mentres que os dez voluntarios que mataron a “Peter”, Xosé Humberto Baena Alonso naquela “alba insomne do 27 de setembro de 1975” -X.Mª. Álvarez Cáccamo, A voz quebrada (IEM, 2014)- eran gardas civís.

O carácter voluntario evidencia o alarde vingador dos fusileiros e do réxime que se sabía esgotado, coa inminente desaparición física do ditador, e quixo demostrar a fortaleza inútil da vinganza. Abad Gallego indica que contemplando a matanza estaban os máis sanguinarios axentes da policía política de Franco (Yagüe, González Pacheco) e varias ducias de policías armados que se desprazaron dende Madrid a contemplar a execución que entre xoldas e chanzas que tiveron que ser interrompidas por un coronel que lles ordenou respecto.

A inutilidade da vinganza, a súa inmoralidade, non significa a renuncia ao soño da vinganza reparadora, non a través de brutalidades semellantes, nin do ollo por ollo dos primeiros códigos xurídicos, senón a través do exercicio permanente da memoria, do encausamento constante da inmoralidade e inutilidade dos xenocidas.

Por iso,  porque estes foron os homes que, aquel 26 de setembro de 1975, reunidos en consello, decidiron darse por “informados”, unanimemente, das once condenas a morte e xogando cos cálculos políticos do xogo de equilibrios internos no réxime e do medo á  resposta popular e internacional acordaron, tamén, darse por informados de que o xefe do estado tivera a ben exercer o dereito de graza e indultar a seis dos condenados e ordenar o cumprimento da condena para cinco deles, entre os que estaban os nosos veciños vigueses.


Para o seu permanente oprobio: Xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde;   Presidente do Goberno, Carlos Arias Navarro    ; Vicepresidente primeiro e M. da Gobernación, José García Hernández; Vicepresidente segundo e M. da Facenda, Rafael Cabello de Alba y Gracia; Vicepresidente terceiro e M. de Traballo, Fernando Suárez González; M. da Presidencia, Antonio Carro Martínez; M. de Asuntos Exteriores, Pedro Cortina Mauri; M. de Xustiza, José María Sánchez-Ventura Pascual; M. do Exército, Tenente xeneral Francisco Coloma Gallegos; M. do Aire, Tenente xeneral Mariano Cuadra Medina; M. da Mariña, Almirante Gabriel Pita da Veiga y Sanz; M. de Industria, Alfonso Álvarez Miranda; M. de Comercio José Luis Cerón Ayuso; M. de Obras Públicas, Antonio Valdés González-Roldán; M. de Agricultura, Tomás Allende y García-Baxter; M. da Vivenda, Luis Rodríguez de Miguel; M. de Educación, Cruz Martínez Esteruelas; M. de Información e Turismo    León Herrera Estebán; M. Secretario xeral do Movemento, José Solís Ruiz; M. Comisario del Plan de Desarrollo, Joaquín Gutiérrez Cano e M. de Relacións Sindicales,   Alejandro Fernández Sordo.   

Martes 4 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario