Mañá
é 25 de abril. Para os espíritos libres e xustos é Grândola por sempre. Non é
tempo para nostalxias senón de abrir camiños, mesmo ata queimarte. Non sería a
condescendencia cos tempos idos propia do Zeca Afonso, un dos poucos portugueses
que tratei que tiña a afouteza de recoñecer os dereitos da nosa nación, quizais
por criarse na preta Angola e no alongado Moçambique. Mesmo esa
condescendencia non sería propia de Vasco Gonçalves, Rosa Coutinho, Otelo
Saraiva de Carvalho... e tantos e tantos outros que fixeron posíbel aquel
agromar de “cravos” polas rúas irmás.
Non
é tempo de nostalxias porque hoxe Portugal e o seu goberno compartido, nas
decisións, polo BE e o PCP está a darlle unha lección a Europa de que é posible
facer unha política económica que non se fundamente no espolio das clases
medias e dos traballadores. Que unha política socialmente xusta é o xeito máis
eficaz para coutar os medos irracionais nos que prende o neofascismo campante,
cada vez con máis intensidade, na Europa afogada polas políticas
“austeritarias” ao servizo da expansión alemá cara ao leste. Que é tamén o xeito de inhibir os
tambores de guerra ensaiados no Medio Oriente e os ecos que retumban na Rusia imperial e no xendarme
norteamericano, ambos en mans de lideres salvíficos de grandezas do século
pasado.
Non
é tempo de nostalxias nin de rancores vacuos.
Un aínda lembra as dificultades de José Mario Branco para estreitarlle a
man ao xeneral Vasco Gonçalves e ao almirante Rosa Coutinho. Como un maoísta de
condición podía saudar de xeito educado aqueles dous stalinistas traidores á
revolución?. Uns e outros estaban xa
derrotados pola historia, esa insensíbel matrona.
Naquelas
tensións post 25 de abril abriuse unha fochanca entre a esquerda portuguesa tan
grande, aínda que non tan tráxica, como o cavorco inmenso e duradeiro provocado
polos temores de Ebert e o SPD e as pretensións revolucionarias dos
espartaquistas e do KPD que causaron o asasinato de Luxemburgo e Liebknecht en
xaneiro de 1919.
Agora
un goberno do PS de Antonio Costa en alianza parlamentaria co BN de
Catarina Martíns e o PCP de Jerónimo de
Sousa encamiñan Portugal, con coñecidas dificultades, pola vía da defensa das
maiorías agredidas pola crise do capitalismo depredador.
Cal
é a diferenza entre Portugal e España? O 25 de abril.
Luns, 24 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario