Hai
uns días con motivo do filme O viaxeiro
do director iraniano Asghar Farhadi, escribín un “post”, que se di agora, que
intitulei “Os limites da vinganza”. Regreso ao tema por outro filme que veño de
ollar no noso cine da Ramallosa, Under
sandet; na versión inglesa Land of
Mine, na española Bajo la arena.
Unha película danesa escrita e dirixida por Martin Zandvliet e que colectou
varios recoñecementos, entre outros a nominación ao Óscar á mellor película de fala non inglesa.
Unha
historia real que ben merecía a pena ser contada. Tras a rendición do III
Reich, varios centos de nenos-soldados alemáns foron obrigados a limpar de
minas as praias da costa danesa. Non se trata emporiso dun filme bélico senón dunha
reflexión sobre o rancor, a guerra como orixe das peores brutalidades humanas,
a insatisfacción e inmoralidade da vinganza e a importancia do perdón. O
director danés dálle unha reviravolta a outros filmes que procuran humanizar os
soldados alemáns e o espectador vai empatizando cos soldados-adolescentes no
que cara ao final da guerra se converteu o exercito do Reich e aos que se
castigou cun odio sen ningunha sutileza e que no punto do inicio o espectador
admite case que como comprensible.
Uns
cadetes sen experiencia, uns nenos, teñen que purgar os pecados do seu país e
soportar a concentración de odio danés acumulado nos largos anos da ocupación
nazi. Nese mundo desorientado, desesperado, predicible, dunha historia tan
sinxela como uns rapaces limpando minas nunha praia consegue atraer a atención
dende o primeiro minuto, manter unha alta tensión, sobria e emotiva, que
estoura, como en todos os filmes sobre explosivos, de cando en vez provocando o
brinco da sorpresa permanentemente agardada.
Coincidiume
ver o filme cando ando na lectura de Máis
días negros de Xoán Carlos Abad Gallego. O historiador vigués recupera o
afundimento do submarino alemán U-134, o 24 de agosto de 1943. Un bombardeiro
británico detectou, á altura de
Silleiro, na escuridade das primeiras horas dese día do verán, o submarino emerxido á altura das Cíes. Non tivo
tempo de somerxerse. As cargas de profundidade alcanzárono e no fondo do mar de
fóra ficou para sempre cos seus corenta e oito tripulantes. O capitán era o máis
vello, tiña 26 anos, os outros andaban entre os 18 e os 23. Na altura o
exercito alemán comezaba a ser xa un exercito de rapaces aterrorizados pola
brutalidade nazi que se comportaba coa brutalidade aprendida, semellante ás vinganzas
cometidas polos militares daneses cos mozos obrigados a atopar as minas
enterradas na area.
Domingo, 2 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario