Andei
polas terras da bocarribeira sagrada e subín ata as chairas lemavas. Fun mirar
o Cabo do Mundo e ollar o Sil dende os Chancís e dende o Colado do Vento e
enchéuseme a boca coma de pan trigo ao dicir Rosende e Bolmente, Brosmos e
Santiorxo, Proendos e Portizó, Veligaz, Pacios de Anllo e A Bertonia, ata
pousar en Neiras, casa amiga, louza de Gundivós, viño de Amandi, mel de Albar de
Rebos...
Terras
inzadas de historia ben recuada, dende o primeiro neolítico e o bronce ata o
período castrexo, abondosos restos baixo-imperiais e do primeiro románico,
toponimia xermánica a eito, románico pleno e barroco e un certo novo dinamismo
do que turra a ribeira e o seu viño e, agardemos, que a mocidade de nós saiba
enxergar ben no futuro destas terras de fartura.
Cómo
non, saíu a imaxinación cunqueirá convertida e mito historicista das viaxes do
Amandi e das lampreas á capital imperial para goce dos césares. Lembrei o termo
que propón Manuela Martíns, catedrática de Historia Antiga da Universidade do
Minho e grande especialista no Baixo Imperio Romano, de “crioulización” como
máis preciso que o tradicional de “romanización”.
Di
a profesora que, fronte ás interpretacións estendidas dun deseño triangular en
base ás capitais de cada un dos “conventus” en función do control militar da
Gallaecia, non temos achados que acrediten a existencia de campamentos
militares en Braga e Lugo. Segundo esta constatación arqueolóxica e dada a escasa presenza de cidadáns romanos
na Gallaecia, fundamenta, a profesora, a súa explicación do proceso como unha
“aculturación” das elites indíxenas que, en moi pouco tempo, dúas xeracións,
abandonarían os castros e pasarían a vivir nas novas cidades deseñadas segundo
o modelo cultural e económico imperial, imitando os seus costumes, gustos,
vestimentas e praceres e xerando un rápido proceso urbanizador de forte impacto
ambiental.
A
profesora Martíns, nun intento de iluminar dende as preocupacións de hoxe os
traballos arqueolóxicos, asenta a apertura da vía nova ou XVIII (Braga-Astorga)
na necesidade de subministro enerxético dada a gran cantidade de madeira
consumida pola cidade de Braga (termas, cociñas, inverno...) e que se obtería nas
grandes masas boscosas das serras do Gêres ou Xurés, Lobios etc...
O
debate científico está aberto. Tamén sobre os momentos iniciais da produción vitivinícola
nas ribeiras do Sil. Para min, segundo a interpretación da doutora Martíns, xa
daquela se papaban as lamprea e
plimpábase o Amandi, pero facíano os de aquí, as elites comerciantes, mineiras,
administrativas ou artesás que ocupaban vilas de centos de metros cadrados
enchidas por servidores “clientes”.
Mércores
12 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario