domingo, abril 23, 2017

Sociedade civil

Sóubeno o outro día por Alejandro Tobar; Hugin e Munin son, na mitoloxía nórdica, un par de corvos servidores de Odín. A xeito de drons,  andaban polo mundo e recollían información para o deus-xefe. Saían coa alba e regresaban polo serán. O primeiro co papo cheo de novas sobre o pensamento, o segundo sobre a memoria. Pousaban nos ombreiros do deus e bisbábanlle as novidades no ouvido.

Pola contra, entre nós, o corvo, non é un paxaro ben visto, aínda que se recoñezan a súas habilidades. Na cultura popular o corvo é unha ave de mal agoiro ("Corvo agoireiro, vaite lixeiro...”) , pola negrura da plumaxe, por comer carne e polo irritante grallar que acostumamos imitar con desafecto, co mesmo co que lle chamamos “corvos” tanto a seminaristas inocentes como a curas revirados.

Mais o que quería era falarvos da iniciativa editorial Hugin e Munin que encabeza Tobar e sobrevive, no fundamental, coa subscrición anual a cambio de 8 dos libros. Todos eles traducións que nos permiten ler na nosa lingua a Zola, Conrad, Sartre, Henry James, Chinua Achebe, Pasolini... e a moitos autores dos países nórdicos, máis descoñecidos e de acceso non moi doado. Unha iniciativa social na que máis dun cento de persoas garanten coa súa achega un proxecto de tradución e edición imprescindible neste labor diario do facer normal o que nos é propio.

O mesmo día en que Tobar nos falou de como se sostiña o seu proxecto, nos xornais a imaxe  dun grupo de profesionais da medicina coas súas brancas batas erguía uns carteliños nos que nos daba as grazas, e dicían: “obrigada”, “marcamos a diferenza!!” “I+D”, “coñecemento”, “avance”, “vangarda”...

Esta imaxe iluminaba unha nova que nos informaba de que o estudo da biopsia líquida por medio de dúas máquina de precisión sería posible cos 600.000  euros recadados nunha eficaz campaña de micromecenado que puxera en marcha o Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Oncomet).

Probablemente detrás do éxito desta iniciativa estea que o cancro segue a ser unha das enfermidades que máis lle preocupa á sociedade pero non deixa de causar satisfacción que o que se denomina dun xeito estraño  “sociedade civil” reaccione ante unha demanda, rompa coas dinámicas individualistas, diga que os gastos en I+D ou na promoción da nosa lingua non son gastos senón investimentos e, finalmente, o que máis ilusión me produciu, ver aqueles mozos e mozas cosa súas batas brancas erguendo os carteis de agradecemento e reivindicación na nosa lingua.


Sábado, 22 de abril de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario