Busto de Marianne no Palacio de Luxemburgo, París. |
Acontecemento
traumático para as vellas elites dinásticas alarmadas. Non agardaron nin un día
para comezar a conspirar contra ela. Atemorizadas polo medo agoniante ao cambio
incerto, mecanismo de defensa nos seres humanos que cando se inxecta en doses
excesivas no corpo social convértese nun poderoso anestésico que imposibilita
políticas transformadoras por sensatas e moderadas que estas sexan. Coido non
equivocarme moito se aventuro que a reacción furibunda entre algúns sectores
sociais de apoio ao PSOE contra Podemos, como partido, e contra calquera
entendemento entre estas dúas forzas, ten a súa orixe neste medo á incerteza
que imposibilitou o cambio político despois das eleccións xerais de decembro de
2015. Cando menos tivo tanta influencia na frustración daquel momento histórico
como os xestos irreverentes, excesivos, de superioridade moral... dalgúns
dirixentes de Podemos, personalizados no seu secretario xeral, que incendiaron
eses sectores sociais e asustaron outros que dirixiron os seus apoios cara á modernidade conservadora de Cidadáns.
Mais
andabamos ás voltas coa II República e as elites azoradas polo medo á invasión
dos bárbaros asiáticos de ollos resgados (así os alcumaba o patrón Berlinghieri
en Novecento de Bertolucci), temor
non tanto a unha fantasiosa invasión bolxevique, como medo a unha repetición
interna de 1917, non pola forza do Partido Comunista senón da ala esquerda do
PSOE, da UGT e da CNT. Medo pois a unha revolución social interna que
disfrazaban como ameaza exterior.
Medo
a un goberno republicano que levaba unha política reformista moderada (reforma
agraria a ritmo de tartaruga, transformación social pola vía lenta da educación)
que paliaba as peores consecuencias do crac do 29 e da Gran Depresión pero que
ía contracorrente da evolución das potencias internacionais que ollaban cada
avance cara á esquerda como unha ameaza
bolxevique. Ao pouco de proclamarse a república o embaixador dos EE UU comezou
a dicir que chegaba o comunismo. A vitoria da Fronte Popular, dominada por unha
ampla maioría de republicanos burgueses e socialistas moderados que pretendía
darlle continuidade ás políticas reformistas postas en marcha entre 1931 e
1933, agrandou os temores.
E,
finalmente, o medo atávico á perda
definitiva do imperio. Unhas elites traumatizadas polo final deshonroso de 1898
e polo sangue derramado no norte de África ollaban, como hoxe no “desafío” catalán, unha ameaza aos
fundamentos da nación española, única e indivisíbel, que levaba dividíndose
dende, cando menos, 1812.
E
alá foron na crista da onda nazi-fascista e co consentimento tanto dos
“apaciguadores” sinceros como dos falsos a iniciar unha guerra que coa desculpa
da ameaza bolxevique pretendía eliminar as conquistas da democracia, dos pobos
libres e das clases traballadoras.
Democracia,
soberanía nacional e dereitos sociais, fundamentos da República proclamada hai
hoxe 86 anos, cando miña nai tiña dous, comezaron a ser socavados o mesmo día
da súa proclamación. E seguimos a desenlear o nobelo deses ideais.
Venres, 14 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario