venres, abril 14, 2017

Coincidencias

Os que non viviron as Semanas Santas de antes non terán nunca aquela sensación de opresión que agoniaba as persoas mozas daquela, as que non eran tan mozas e as que viviran a breve liberdade republicana. Tristeza por decreto. Nin música na radio, nin programación normal na televisión, tendas e bares pechados, cheiro a cirio, veos ocultando rostros, roupas negras, mulleres descalzas, capirotes morados, silencio, ruxe ruxe de pés arrastrados, toses contidas e o ritmo  esmagante, obsesivo, de trompeta e tambor.

Ao Fidel non se lle ocorreu mellor idea que ir botar un pito ao balcón da súa casa no momento no que se achegaban as fileiras silenciosas  bordeando as imaxes e as galas dos gardas civís. O vello párroco, falanxista de mozo, gozoso benfeitor cos cartos que pedichaba ou extorsionaba para maior grandeza da Vera Cruz, sufrido vixiante da moral vilega, doloroso látego de desviados, ordenou deter a procesión dos caladiños e arremeteu con voz tronante, como a que lle poñían a Deus cando lle entregaba as táboas da lei a Moises-Charlton Heston, contra aquel desviado do rabaño de Deus que ousaba darlle unhas caladas ao cigarro mentres observaba a expresión da dor do pobo.

Quen lle ía dicir a aquela encarnación de do Don Camilo de Guareschi, que a diferenza deste non tiña enfronte a Peppone senón  ao seu lado outro falanxista na alcaldía, que ao final a Semana Santa remataría por converterse noutro espectáculo sometido aos criterios de rendibilidade do turismo de masas. Ao final, o provocador Fidel tivo que resgardarse no seu cuarto ante a desencadeada ira de Deus voceada polo xusticeiro apacentador de ovellas que emitía toda caste de insultos, iso si, axeitados á  temática: impío, ateo, irreverente, profanador, sacrílego, blasfemo, descrido... e despois toda unha restra de males que lle acontecerían ata queimarse no inferno.

A coincidencia fixo cadrar este ano o Venres Santo co Día da II República. Aquela república burguesa que lle meteu o medo no corpo a terratenentes, oligarcas, curas e militares e  púxoos a conspirar contra ela o mesmo día da súa proclamación.

Xoves, 13 de abril de 2017













Ningún comentario:

Publicar un comentario