luns, abril 10, 2017

O canto do Brión

Vimos de celebrar o pasado ano, 18 de maio, o centenario da xuntanza convocada por Antón Villar Ponte nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron, entre outros, Lugrís Freire, Vaamonde Lores, Uxío Carré, Porteiro Garea, Tettamancy ou Ramón Villar Ponte. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha “Hirmandade dos Amigos da Fala” que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro.  Apenas uns días despois, o 28 de maio, constituíase a “Hirmandade” de Santiago de Compostela con Porteiro e Taibo ao fronte. Algúns anos máis tarde, Taibo viría a residir ás faldras do Galiñeiro co Brión a urrar sobre o val. Dábase un paso definitivo en palabras dun dos grandes estudosos da Irmandades e dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, Emilio Insua: “A lingua pasa a considerarse agora elemento fundamental non só da propia definición nacionalitaria da Galiza, senón tamén de calquera estratexia cívico-política que procure o recobramento da súa personalidade” ( A Nosa Terra é Nosa! A xeira das irmandades da Fala (1916-1931), Baía, 2016, p. 77).

Entre as diversas estratexias de defensa, fomento e exaltación da lingua que puxeron en marcha as Irmandades ocupou un lugar senlleiro a formación de coros de canto tradicional, como ten estudado Ramón Rodríguez Palleiro “Moncho de Orzán”. Co seu  ímpeto característico o mesmo Antón Villar Ponte chegou a afirmar que para a causa era máis importante un coro tradicional que un deputado en Cortes.

Neste labor alampean con intensidade os “Cantares do Brión”, que acadou xa un lugar de sobresaínte no canto coral, logrando, baixo a dirección de Pablo Rial,  unha atinada  mestura entre modernidade e tradición. Un amplísimo numero de persoas, máis de sesenta,   residentes nesta ampla Terra de Turonio, dedican parte do seu tempo a engrandecer a música coral e a nosa lingua, a propia. Cos seus coloridos traxes tanto para homes como para mulleres e, baixo a presidencia de Xosé Crego, a disciplina característica de quen sabe que no labor colectivo importa moito máis a humildade que o lucimento persoal.

Os “Cantares do Brión” son quen de mesturar no seu repertorio pezas tradicionais con novas composicións de Luís Correa Piñeiro ou Pablo Rial,  incorporar textos de Paz Andrade ou Manolo Pipas,  adaptar a música que  Mini e Mero lle puxeron ao emotivo “O carro” de Manuel María e como remate  interpretar un dignísimo himno que o publico ben sabe que hai que entoar e escoitar de pé.

Os homes levan bordada na monteira o bufo, o Brión que urra dende os cumes do Galiñeiro e deita o seu chamado sobre os Arruídos. Infórmame o meu amigo e sabio toponimista, entre outras moitas cousas, Gonzalo Navaza de que o de Brión pode ser o substantivo común que nalgunhas zonas se emprega para denominar os liques, carrizos ou musgos, abundantes como é lóxico nas paredes da Cova do Brión. De ser deste xeito teríamos que supoñer que cando se elaborou a lenda o termo se volvera xa opaco para as xentes de Vincios, polo que esta debería ser relativamente recente. Aínda que o profesor avanza tamén unha posible orixe nun topónimo prehistórico co significado de “do castro”. Tería isto relación coa enigmática fortaleza do Galiñeiro? Gonzalo Navaza achéganos outra pista ao desmentir a relación entre o topónimo Arruídos e os ruídos que emitiría o bufo no seu reclamo pola garza María e relacionalo co participio de ruír, arruinar, máis aquelado ao Pedraghullo que hai pola ladeira que parece, ou é, o resultado do derrubamento de muros e outras construcións.


Luns, 10 de abril de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario