A
frase de Marx é aplicable á ilusión das elites de que nunca pase nada. Que todo
siga igual. Ata que pasa. Pasa e pasou,
pero non reaccionan. Quen vai querer cambiar o mellor dos mundos posíbeis? E
este, o seu, é o mellor dos mundos posíbeis, así está ordenado polo ben, pola
natureza ou por deus, segundo as crenzas.
Dixo
onte Rajoy: "Hoy no ha habido un referéndum, ha sido una mera
escenificación". Como é normal, faltoulle engadir. Axeitar a realidade á
ideoloxía de que todo vai ben, todo se irá solucionando por si mesmo, as cousas
caen polo seu propio peso... é a vella ideoloxía do poder.
“Unha
verdade é clara, todo o que existe é bo” escribiu Alexander Pope a comezos do
s. XVII. Coincide coa tese de Leibnitz expresada na súa Teodicea, a xustificación de deus, ante a pregunta de por que un
deus bo non só permite o mal, senón que mesmo o crea?; responderá, deus non
crea o mal, senón que este é obra do demo; entón só desprazamos a cuestión, xa que
deus como creador absoluto e tamén quen xera e permite actuar ao maligno. Non
hai nada que facer, vivimos no mellor dos mundos posíbeis, xa nolo recordara
hai anos Felipe González. Nada precisa mudar.
Que
Pope afirmase que todo o que existe é bo é comprensible, se temos en conta que
padeceu múltiples enfermidades dende neno, entre outras unha especie de
tuberculose que lle afectaba a columna vertebral que o deformou e impediu o seu
crecemento, por riba, ao nacer nunha familia católica, ficou fóra do sistema
educativo inglés e das mínimas axudas para a súa atención.
Leibnitz
pagou o seu optimismo ficando ridiculizado para a eternidade no “Candide” de Voltaire, aquel mozo plebeo
namorado da nobre e fermosa Cunegunda que segue afervoado as doutrinas do
doutor Pangloss, o seu titor, parodia de
Leibnitz e do seu dogmático discípulo Wolff, que lle ensina que todo ten un porqué
e todo é polo seu ben así que aínda que se criase nun fermoso castelo e o
botasen a couces del, aínda que a tormenta faga naufragar o seu barco coa
fortuna de que fose nas costas de Lisboa coincidindo co terremoto que asolou a
cidade e librarse de que o queimasen nos autos de fe posteriores... e non
seguimos... ata que Cándido, xa velliño, recuperado o amor da Cunegunda, daquela
rematadamente fea, respóndelle ao doutor Pangloss, o que importa é non
disertar, non argüír e cultivar a horta, xa que “tout est au mieux”, todo
sucede para ben, como é normal. De que preocuparse?
Se
a crise empobrece amplas capas de poboación, incluídas as clases medias, non
hai problema (“Esto non es una crisis”, afirmou o xenio económico Pedro
Solbes); se hai descontento co sistema corrupto de representación, tampouco (“No
observo ningún descontento con nuestra democracia” afirmou a defensora do pobo
Becerril). Na democracia da que eles son propietarios non hai problema algún,
todo vai ben, como dixo Aznar de España cando el mandaba en persoa, porque a
elite é a mesma que se sublevou no século pasado.
Ocultar,
negar un problema, terxiversalo, manipulalo, non é solucionalo. Pensar que o solicitado
pola cidadanía catalá, cando menos unha parte moi significativa dela,
probablemente máis da metade, e subindo,
cunha parte, tamén importante, da mesma con dereito a voto, tanto lle
ten ser españois como cataláns, é o resultado dunha conspiración contra España
dun núcleo usurpador das institucións; diciamos que coidar que esas
reclamacións son parte do mal co que hai que convivir no mellor dos mundos
posibles, é a mellor forma de chegar á conclusión de que o único que se pode
facer é reducir, xa que non é posíbel o exterminio, o mal á menor expresión.
Cándido
logrou evadirse da Inquisición que andaba a queimar xente á que acusaba de ser
a culpábel do terremoto de Lisboa.
Lúns,
2 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario